A COP-28 evita pór unha data para a fin do uso dos combustíbeis fósiles

Está previsto que a COP-28 sexa clausurada mañá.
António Guterres, hoxe. (Foto: Hannes P. Albert / DPA)
photo_camera António Guterres, hoxe. (Foto: Hannes P. Albert / DPA)

No medio do debate entre os case 200 Estados que participan na 28ª Conferencia da Organización das Nacións Unidas (ONU) sobre Cambio Climático, COP-28, en Dubai, nos Emiratos Árabes Unidos, sobre se prepararse para “abandonar” ou “reducir” o consumo de combustíbeis fósiles, o secretario xeral da ONU, António Guterres, incidiu hoxe en que é preciso “un consenso sobre a necesidade” de eliminalos, mais “iso non significa que todos os países deban facelo ao mesmo tempo”.

Esta última proposta súmase ás negociacións que comezaron hoxe arredor dun borrador de declaración final da cimeira entregado polo presidente da COP-28, o ministro de Industria emiratí Sultan al Jaber, que suxire diminuír o seu uso e produción, avogando pola súa “substitución”, nun documento no que reclama a fin dos “subsidios ineficientes aos combustíbeis fósiles”.

Guterres admitiu que “aínda quedan unhas cantas fendas por fechar”, antes de reclamar “máxima ambición e máxima flexibilidade” aos Estados nas conversas para evitar unha alza das temperaturas de 1,5ºC en relación á época preindustrial, o límite fixado na COP21 para frear o incremento exponencial dos efectos da mudanza climática.

Neste sentido, despois de que a Unión Europea (UE) acusara a Organización de Países Exportadores de Petróleo (OPEP) de querer impedir un acordo, unha fonte próxima indicou á axencia EFE que non está en contra da fin dos combustíbeis fósiles, pero si de marcar unha data posto que “non é realista”.

Asemade, medios internacionais sinalan que o maior obstáculo para que as negociacións avancen é a inclusión de “responsabilidades explícitas” dirixidas aos países con máis ingresos para que financien os Estados en vías de desenvolvemento co fin de que se poidan adaptar ao quecemento global.

Amais, os Estados de menos ingresos insisten en que o texto ten que conter medidas que lles permitan recuperar a confianza nos territorios de máis ingresos despois de que incumpriran en múltiples ocasións os seus compromisos climáticos. Os Estados Unidos, a UE e o Reino Unido, que apenas superan 10% da poboación mundial, concentran 39% das emisións históricas dos contaminantes que provocaron o cambio climático segundo Carbon Brief.

Aínda que a China se atopa no segundo lugar, con 11,4% das emisións, a entidade apunta que por poboación cada cidadá chinesa ou chinés é responsábel de nove veces menos emisións históricas que cada persoa do Reino Unido ou os Países Baixos, que encabeza as emisións per cápita.

Comentarios