A COP-28 debátese entre "abandonar" ou "reducir" o uso de combustíbeis fósiles

Acerbaixán, á cabeza das propostas para organizar a vindeira cimeira.
Entrada ao recinto no que decorre a COP28. (Foto: Christopher Edralin / COP28 / DPA)
photo_camera Entrada ao recinto no que decorre a COP28. (Foto: Christopher Edralin / COP28 / DPA)

As 198 partes (197 Estados e a Unión Europea) que participan na 28ª Conferencia da Organización das Nacións Unidas (ONU) sobre Cambio Climático, COP28, en Dubai, nos Emiratos Árabes Unidos, comezaron hoxe a etapa de negociación para a declaración final, que en principio tería que estar fechada o 12 de decembro, o día fixado para a clausura do cumio, que, así e todo, polo xeral adoita acabar con atraso pola dificultade dun consenso entre todas as partes.

Logo de varias xornadas de debate arredor das diferentes propostas para limitar o uso dos combustíbeis fósiles, a causa principal do quecemento global, medios internacionais debullan que no parágrafo ao respecto no borrador de declaración final as negociacións concéntranse en dúas opcións: “Abandonar” ou “reducir” o uso de petróleo, gas e carbón.

Tampouco se pode descartar que finalmente non se inclúa ningunha mención a este aspecto, entre a negativa dos países produtores de combustíbeis fósiles a aceptar que se programe unha data para acabar co seu uso.

Límite de quecemento superado

En paralelo ás conversas, a Oficina Meteorolóxica do Reino Unido abriu a porta a que en 2024 a temperatura global xa estea 1,5ºC por riba da época preindustrial, o limiar a partir do que se agarda un aumento exponencial dos efectos da mudanza climática, e o límite de quecemento acordado na COP21.

Sultan al Jaber, presidente da COP28 e ministro de Industria emiratí, confiou en que aconteza “algo sen precedentes” na cimeira, reiterando o seu compromiso para que os acordos conteñan a “maior ambición posíbel”.

COP29

Fica pendente de pactar que país acollerá a COP29, con vantaxe para Acerbaixán mais con Moldova e Serbia entre os potenciais candidatos.

Comentarios