Só sete países eliminarán as millonarias axudas aos combustíbeis fósiles

Incumprimento dos compromisos da COP26.
António Guterres (ONU). (Foto: Prabin Ranabhat / Europa Press / Contacto)
photo_camera António Guterres (ONU). (Foto: Prabin Ranabhat / Europa Press / Contacto)

A pesar de que na declaración final da cimeira sobre cambio climático de 2021 (COP26) da Organización das Nacións Unidas (ONU) en Glasgow, Escocia, os Estados do mundo efectuaron un chamamento para acabar coas axudas públicas aos combustíbeis fósiles, un informe da ONU desvelou hoxe que só sete países, 4% do total mundial e que non alcanzan 4% das axudas públicas dirixidas ao carbón, gas ou petróleo, presentaron plans concretos neste sentido.

Malia que no documento, presentado dúas semanas antes do comezo da cimeira polo clima de Dubai (COP28), nos Emiratos Árabes Unidos, non se mencionan os Estados que si cumpriron o compromiso, as porcentaxes aclaran que non se trata de ningún dos maiores emisores de gases de efecto invernadoiro, como os Estados Unidos, a Unión Europea ou a China.

O texto indica que en 2021 o sector dos combustíbeis fósiles recibiu 732.000 millóns de euros de cartos públicos, unha cifra que un informe do Fondo Monetario Internacional fixa en 2022 en 6,5 billóns de euros, máis de 7% do produto interior bruto global. De feito, os dous traballos salientan que desde 2020 estas axudas foron en aumento.

Comentarios