mércores 08.04.2020

A ONU denuncia a violencia de Grecia contra os migrantes na fronteira turca

Este mesmo domingo, as forzas de seguridade gregas lanzaron gases lacrimóxenos sobre unhas 200 persoas.
Moitos dos migrantes foron detidos, espidos, os seus bens confiscados e finalmente devoltos a Turquía, denuncia a ONU (Contacto)
Moitos dos migrantes foron detidos, espidos, os seus bens confiscados e finalmente devoltos a Turquía, denuncia a ONU (Contacto)

As forzas de seguridade gregas lanzaron gases lacrimóxenos sobre unhas 200 persoas durante os enfrontamentos que se produciron este domingo, 22 de marzo, ao longo da fronteira entre Grecia e Turquía.

O suceso tivo lugar na localidade fronteiriza de Kastanies, no nordeste de Grecia, onde se encontra unha das dúas oficinas de aduanas para cruzar a fronteira con Turquía.

Segundo informou a axencia de noticias alemá DPA, o choque produciuse despois de que unhas 200 persoas migrantes provocasen o derrubamento dunha árbore, ocasionando danos nun tramo de vala situada no lado grego, e a Policía respondeu usando gases lacrimóxenos.

Violencia contra migrantes

Doutra banda, o relator das Nacións Unidas para os dereitos humanos dos migrantes, Felipe González Morales, pediu a Grecia nesta segunda feira, 23 de marzo, que tome medidas inmediatas para acabar coa violencia contra as persoas solicitantes de asilo na fronteira con Turquía.

González dixo estar "moi preocupado" polas presións que reciben para que retornen a territorio turco, "violando a prohibición de expulsións colectivas e o principio de non devolución", destacou nun comunicado. O relator sinalou que recibira informacións sobre asaltos e uso de violencia contra estas persoas por parte de axentes de seguridade gregos e homes armados non identificados.

Moitos foron detidos, espidos, os seus bens confiscados e finalmente devoltos a Turquía, cun uso excesivo da forza que causou varios feridos e a morte de canto menos un solicitante de asilo sirio, denunciou no comunicado.

Viloencia contra traballadores humanitarios

Ademais, González tamén denunciou o incremento da hostilidade e da violencia contra os membros das organizacións humanitarias, de defensa dos dereitos humanos e xornalistas que traballan na zona fronteiriza e no mar Exeo.

"Grecia ten a responsabilidade de garantir que as persoas migrantes e aqueles que as axudan son protexidos de ameazas e ataques", asegurou o relator chileno.

Grecia suspendeu o pasado 1 de marzo a aceptación de solicitudes de asilo para persoas que crucen irregularmente a fronteira, unha decisión que, segundo o experto das Nacións Unidas, debe ser cancelada "inmediatamente".

comentarios