Análise

As oligarquías na América Latina

Farruco Sesto é ex ministro de Cultura do Goberno venezolano.
Gustavo Petro, presidente de Colombia. (Foto: Oliver Contreras / Europa Press).
photo_camera Gustavo Petro, presidente de Colombia. (Foto: Oliver Contreras / Europa Press).

Nas análises sobre as tramas do acontecer político en América Latina, un dos elementos que adoita estar ausente, ou ben é presentado con insuficiente acento, é a consideración do abafante peso das oligarquías dominantes nos principais países da rexión, por non dicir en todos. Un peso que vén de atrás, de moi lonxe, e que se mantén vixente, despois de séculos de implacable exercicio. 

Culminado o proceso de independencia, no primeiro terzo do século XIX, os principais líderes liberadores son asasinados nuns casos (o mariscal Sucre é un paradigma) e, noutros, son exiliados, maltratados, calumniados, tamén comprados, (o xeneral Páez é outro paradigma) ou simplemente deixados de lado. No fondo de todas as maquinacións que compoñen de tal maneira o escenario, están as respectivas oligarquías dos nacentes países que, mantendo o poder económico acumulado durante a colonia, toman entón tamén o poder político, que é o que seguen exercendo douscentos anos despois con 
singular ferocidade. 

Dominio violento

O filósofo e historiador venezolano Vladimir Acosta vén explicalo desta maneira, referíndose a aqueles momentos do século XIX: "Os principais beneficiarios desas heroicas guerras de Independencia [...] son xustamente as respectivas oligarquías crioulas, ricas, donas de terras e escravos, que aproveitan a vitoria lograda coa súa participación para conquistar o pleno poder político do que carecían baixo o dominio colonial español".

A súa evolución non foi exactamente a mesma en cada un dos países. Os seus períodos de maior auxe e as súas facetas de desenvolvemento varían de acordo ás circunstancias nacionais en cada caso, pero o feito xeral é que douscentos anos despois, aí están, no continente con maior desequilibrio social do mundo, opoñéndose, con particular violencia, a calquera proceso profundo de transformación que poida xurdir en beneficio 
dos pobos. 

En xeral pode dicirse que van reforzando o seu poder e evolucionando economicamente, a través dos negocios convencionais da burguesía, produción agrícola e gandeira, industria, comercio, importación e exportación, etc., pero que hai dous casos nos que o seu desenvolvemento destaca de maneira especial. O de Venezuela, onde se fai sobre todo parasitando o Estado ata desangralo, nutríndose da renda petroleira. E o de Colombia, onde ademais dos negocios convencionais, a oligarquía faise partícipe no do narcotráfico, que alcanza magnitudes extraordinarias. Pero sempre, invariablemente, co superior control do Estado e das súas institucións, principais aparellos políticos, forzas armadas (e ás veces co manexo paralelo de estruturas paramilitares ao mesmo tempo) e, por suposto, co dominio case absoluto dos medios de comunicación. 

De Perú a Venezuela

Particularmente destacadas no seu protagonismo político opresor foron a de Perú, talvez a máis profundamente rancia de todas; a de Chile, a de Arxentina, a de Ecuador, a xa citada de Colombia e, nestes tempos, a de Venezuela, que sobresae como a máis apátrida.

Non se pode entender a historia latinoamericana dos dous últimos séculos, a dificultade dos cambios profundos, o uso das ditaduras como forma de control, os golpes de Estado, os magnicidios e destitucións de presidentes, o uso desvergoñadamente político da xustiza, as constantes intervencións norteamericanas e tamén a inxerencia europea, e pare de contar, exemplos sobran, sen comprender o papel das oligarquías en todo este panorama. De tal maneira que puidese dicirse que a historia destas nacións, a partir da independencia, é a historia dos pobos nos seus esforzos por sacudir o xugo das súas oligarquías. Como pano de fondo de todo iso, a presenza do protagonista maior, o imperialismo norteamericano, coidando do seu patio traseiro e no que as oligarquías foron converténdose cada vez máis nos seus representantes. 

En Colombia, a oligarquía híbrida parece cada vez máis decidida a dar un golpe de Estado ao presidente Gustavo Petro

Nos tempos que corren, hai que prestarlle especial atención a Colombia, onde a oligarquía híbrida (liñaxes máis narcoparamilitarismo) parece cada vez máis decidida a darlle un golpe de Estado (pola modalidade que sexa) ao presidente Gustavo Petro. 

E no caso de Venezuela, o de sempre. Cun odio visceral aos propósitos emancipadores do proceso bolivariano e ao que o pobo representa, estes personaxes, estes "apelidos" da oligarquía, como lles di o presidente Maduro, seguen nas súas trece, sabotando, promovendo sancións, pedindo intervencións estranxeiras, cortándose as veas simbolicamente contra "a ditadura", iso si, acumulando xa vinte e cinco anos de fracaso nas súas costas. 

Comentarios