Obama irá a Cuba en marzo após 88 anos da última visita dun presidente estadounidense

Calvine Coolidge foi o último mandatario en pisar a illa, en 1928. 

7789801462_afc5b25e7f_z
photo_camera Calvine Coolidge e Gerardo Machado en 1928 [Flickr]

Desde que se iniciara o desxeo das relacións entre os EUA e Cuba, após máis de medio século da imposición por parte do goberno estadounidense do bloqueo económico, comercial e financeiro, diversas foron as medidas adoptadas por ambos os dous países no camiño por normalizar as súas relacións políticas e diplomáticas. 

O mantemento do bloqueo e a ocupación de Guantánamo continúan a ser puntos de discordia entre os dous territorios

Neste senso, os EUA retiraron definitivamente Cuba da listaxe de países 'promotores do terrorismo internacional', aliás, foron re-abertas senllas embaixadas en Washington e La Habana para alén da liberación de presos políticos cubanos apresados en Miami. No eido económico volverán a desenvolverse de maneira regular voos comerciais entre ambos os dous territorios e mesmo empresas estadounidenses poderán volver a instalarse na illa, de maneira limitada inicialmente. 

No marco deste novo contexto o presidente dos EUA, Barack Obama, viaxará a Cuba no mes de marzo. Farao os días 21 e 22 segundo comunicou a Casa Branca. O seu obxectivo, sinalou através da rede social Twitter o propio Obama, para "promover o progreso e os esforzos que poden mellorar a vida do pobo cubano" e para lle amosar "directamente" ao goberno liderado por Raúl Castro as "diferenzas" que, di, partillan co executivo. 

Só Jimmy Carter viaxou a Cuba en dúas ocasións mais a nivel persoal, non oficialmente

A viaxe constitúe un fito histórico. Ningún presidente dos EUA visitou a illa de maneira oficial desde 1928. Unicamente Jimmy Carter viaxou á illa en dúas ocasións, 2002 e 2011. Ora ben, a nivel persoal. 

O último mandatario ianqui en pisar Cuba foi Calvine Coolidge cando o territorio aínda era considerado parte do 'patio traseiro' dos EUA, sendo presidente Gerardo Machado. 

Malia as aproximacións entre os dous territorios continúan riba da mesa dúas cuestións fundamentais na normalización das relacións entre Cuba e os EUA. Dunha banda o mantemento do bloqueo cuxo levantamento depende en última instancia do Congreso e doutra, a devolución a Cuba do territorio de Guantánamo ocupado na actualidade polo exército estadounidense e no que se atopa, para alén da base militar, unha das cadeas máis opacas do mundo, denunciada internacionalmente por casos de tortura e vulneración dos dereitos fundamentais das persoas apresadas nela. 

comentarios