A esquerda soberanista vasca impulsa EH Bildu para concorrer a unhas autonómicas con arrecendo a éxito

A nova coalición foi presentada en Donosti por responsábeis da esquerda abertzale, EA, Aralar e Alternatiba. Os inquéritos auguran que obtería o 25% dos votos
mitin da esquerda abertzale
photo_camera mitin da esquerda abertzale

EH Bildu, eis o nome da marca co que o independentismo de esquerdas concorrerá nos vindeiros comicios vascos. O Museo da Ciencia de Donosti acolleu a presentación dunha coalición conformada pola esquerda abertzale, Eusko Alkartasuna, Aralar, Alternatiba e na que teñen cabida tamén voces do tecido asociativo de Euskal Herria que non intergran ningún referente político.

Segundo afirman os seus impulsores, EH Bildu aspira ser o referente político de todas aquelas persoas que ven nos comicios vascos a oportunidade para sentar as bases dun proxecto de construír Euskal Herria en base á independencia, a xustiza social e a democracia directa e participativa.

Candidato a lehendakari

No que atinxe á persoa que podería concorrer pola nova marca como candidato a Lehendakari, desde os promotores de EH Bildu sinálase que esa cuestión “non é a importante”, e que todos os esforzos están centrados en elaborar un programa político de actuación no que se combinen os “proxectos de soberanía nacional e verdsdeira transformación social”.

Expectativas

As sondaxes e inquéritos do Euskobarómetro sobre as eleccións vascas sinalan que o PNV sería a forza máis votada, aínda que só cunha lixeira vantaxe en escanos por riba da esquerda abertzale, que se situaría na segunda posición. Os ‘jeltzales’ obterían o 30,7 por cento dos votos e entre 22 e 23 escanos dos 75 de que consta o Parlamento vasco. O PNV sería a forza máis votada en Bizkaia

Pola súa parte, o Euskobarómetro sinala que a esquerda abertzale obtería o 25% dos votos (entre 19 e 22 deputad@s). Dez escanos lograríaos en Gipuzkoa, territorio onde sería a forza máis votada. Esta sondaxe foi feita antes da presentación da nova marca.

O PSOE acadaría 16 escanos (18,3 por cento dos sufraxios) e o PP, 14 (15,4% dos votos). Os populares serían a principal forza en Araba. Izquierda Unida, co 3,1%, bailaría entre os 0 e os 3 escanos, mentres que UPyD perdería o deputado que ten (1,8 por cento dos votos).

Comentarios