O PP di sentirse "indignado" pola información de pagos ilegais

A secretaria Xeral do PP anunciou "medidas legais" contra os medios de comunicación que difundiron o cobro ilegal por parte de altos cargos do partido.


María Dolores de Cospedal, secretaria xeral do PP, compareceu diante dos medios de comunicación para dar explicar a postura do seu partido ao redor das informacións aparecidas no xornal El País que implicarían a Mariano Rajoy, Jaime Mayor Oreja, Javier Arenas, Francisco Álvarez Cascos, Ángel Acebes e a ela mesma. "Desmentimos o contido deses papeis que se publicaron, en todos os seus termos". A secretaria xeral do PP manifestou a sua "indignación" pola información publicada e anuncia "medidas xudiciais a nivel de partido e a título individual de todas as persoas que aparecen nela".

María Dolores de Cospedal asegura que "queren perxudicarlles" con este "tipo de informacións" e chegou a dicir que "non sabía se estaban manipulados". O PP anunciou que se está a realizar unha auditoría interna "que logo será externa" e que se dará a coñecer en breve. Tamén informou que a tesoureira do partido está a recoller "declaracións escritas" das persoas sinaladas pola información publicada en El País sobre as súas retribucións."O PP só ten unha contabilidade", insistiu. Negou que fosen "sobresoldos" as peticións de "adiantos" sobre as nóminas "que pode realizar calquera traballador neste partido".

Unha das informacións publicadas, un préstamo a García Escudero de cinco millóns de pesetas, tamén aparece na contabilidade do propio PP. "Iso non valida toda a información que aparece nese medio", dixo a número 2 do PP.

Nun comunicado previo do PP négase "o pago sistemático a persons concretas de retribucións distintas das incluídas nas nóminas mensuais coas súas correspondentes retencións fiscais e á Seguridade Social". Nese mesmo escrito aseguran "descoñecer" os manuscritos publicados "e o seu contido".

Comentarios