O ministro de Interior rexeita as unións homosexuais co "argumento racional" de que "non garante a pervivencia da especie"

Jorge Fernández Díaz defendeu a interferencia da relixión no espazo público e queixouse da pouca importancia que se lle concede no ensino a esta materia. Fíxoo namentres sentaba a carón de Antonio Cañizares, o cardeal que dixo que abortar era peor que abusar de nen@s
photo_camera [Imaxe: SG]


O ministro de Interior, Jorge Fernández Díaz, manifestou este domingo o seu rexeitamento ás unións entre persoas do mesmo sexo e dixo ter "argumentos racionais" para facelo.

Tales motivacións apuntarían a que estas relacións "non merecen a mesma protección por parte dos poderes públicos que o matrimonio natural" porque "a pervivencia da especie non estaría garantida".

Con estas declaracións, realizadas desde Roma e que avocan as mulleres a un rol reprodutor defendido polos sectores máis conservadores e pola Igrexa, o cargo público do PP dixo estar a reflexionar sobre a presenza da relixión no espazo público con datos "que sirvan tamén para quen non cre".

Na mesma mesa que o cura que comparou pederastia e aborto

Sentado a carón de Antonio Cañizares, o cardenal que esqueceu que a pederastia é un delito e colocou á mesma altura o dereito a decidir sobre a maternidade cos abusos sexuais a crianzas sinalando que "non é comparábel o que acontecese nuns cantos colexios cos millóns de vidas destruídas polo aborto", o ministro español enmarcou a presencia da relixión no eido público dentro dos dereitos "recoñecidos pola Declaración universal dos dereitos humanos e da ONU".

Queixouse de que "as vixentes leis educativas non respectan os acordos Igrexa-Estado" no referente á relixión, materia da cal dixo "non debe ser considerada unha 'maría' senón ter o mesmo rango que outras materias fundamentais". Xustamente o que vén de facer o homólogo de Fernández en Educación, José Ignacio Wert, coa imposición da LOMCE é elevar a categoría da relixión até outorgarlle máis importancia que as linguas propias das nacións que integran o Estado español, Galiza entre elas.

As críticas a Jorge Fernández chegaron até desde as filas do PP. Varias reaccións na rede social Twitter atribuían as declaracións homófobas do ministro a unha opinión "persoal" que "en nada vincula o PP".

Comentarios