O EZLN reaparece: 50 mil persoas mobilízanse en Chiapas

Nun breve comunicado, o Subcomandante Marcos advirte ao goberno do PRI que encabeza Peña Nieto: 'Ouviron iso? É o son do seu mundo derrubándose'. A demostración de forza d@s zapatistas paralizou o tráfico en San Cristóbal de las Casas durante máis de seis horas


San Cristóbal de las Casas, Chiapas. Ao remataren as celebracións do Oxlajuj Baktun, o cambio de era no calendario maia, o Exércico Zapatista de Liberación Nacional botoulle un pulso ao goberno mexicano, liderado por Enrique Peña Nieto.

Valéndose unicamente do boca a boca, máis de 50 mil zapatistas desta etnia marcharon en silencio polas cinco cidades que apoiaron a revolución chiapaneca en 1994, cando se marcaron como obxectivo derrubar a "guerra xenocida non declarada" que o PRI, partido ao que pertence Peña Nieto, emprendera contra o pobo mexicano, nomeadamente a poboación indíxena. Por volta de 40 municipios declaráronse autónomos.


 

Desde o 17 de novembro, cando se conmemoraban os 29 anos do nacemento do EZLN en Chiapas, mensaxes difundidas a través da imprensa que foxe do control gobernamental anunciaban que "proximamente" terían novas do Subcomandante Marcos.

Esta sexta, ao remate da multitudinaria marcha, chegou a mensaxe. Un comunicado parco en palabras, con data do 21 de decembro e enviado desde as montañas do sureste mexicano: "Comité clandestino revolucionario indíxena. Comandancia xeral do EZLN. A quen corresponda: Ouviron iso? É o son do seu mundo derrubándose. É o son do noso mundo rexurdindo".

A demostración de forza d@s zapatistas avanzou en silencio polas rúas de San Cristóbal, coa cara cuberta por un pasamontañas e o puño esquerdo en alto, mentres a poboación lles amosaba o seu apoio ao berro de 'é-zeta-ele-ene'. Eran por volta de 20 mil, mais a mobilización foi convocada en cinco cidades, polo que os medios afíns ao EZLN calculan que foron máis de 50 mil.

Os continxentes, formados por un número idéntico de homes e de mulleres, camiñaron mantendo o ritmo, sen se inmutaren pola chuvia, e paralizaron o tráfico durante máis de seis horas, perante a atento ollar d@s miles de turistas que visitaban a cidade.

Comentarios