A cimeira en Exipto polo conflito entre Israel e Palestina remata sen unha declaración conxunta

Numerosos líderes do mundo acudiron este sábado a unha cimeira no Cairo, en Exipto, para buscar saídas ao conflito entre Israel e Palestina. Moitos deles manifestáronse a favor do recoñecemento dun Estado soberano para Palestina. Porén, a reunión rematou sen unha declaración conxunta ao non haber acordo.
Cimeira deste sábado no Cairo (Foto: Dario Pignatelli / EU Council / DPA)
photo_camera Cimeira deste sábado no Cairo (Foto: Dario Pignatelli / EU Council / DPA)

Representantes de numerosos Estados do mundo, así como o secretario xeral das Nacións Unidas (ONU), o portugués António Guterres, e o representante da Autoridade Palestina, Mahmud Abbas, acudiron este sábado a unha cimeira no Cairo, en Exipto, na que intentaron buscar saídas ao conflito entre Israel e Palestina. Porén, a reunión rematou sen unha declaración conxunta ao non haber acordo.

O anfitrión, o presidente de Exipto (Estado fronteirizo con Gaza), Abdelfará al Sisi, inaugurou o acto cun chamamento á reactivación do proceso de paz no conflito entre Israel e Palestina a partir da negociación dun alto o fogo inmediato.

“Quero deixar claro ao mundo que esta crise non se resolverá sen unha solución xusta. Hoxe comezamos a traballar para acordar unha folla de ruta para reactivar o proceso de paz, unha que comezará cun alto o fogo inmediato que conduza o estabelecemento dun Estado palestino independente”, fixo saber Al Sisi no seu discurso inicial.

Al Sisi aproveitou ademais para acusar os Estados occidentais de “dobre vara de medir” e expresou o seu rexeitamento ao acollemento de refuxiados de Gaza na rexión exipcia do Sinaí. Neste sentido, o representante da Autoridade Palestina subliñou que as persoas palestinas “permaneceremos na nosa terra, xamais aceptaremos un éxodo. Tamén estamos en contra da expulsión dos palestinos dos seus fogares en Cisxordania, incluída Xerusalén”

Abbas acusou Israel de “violar todas as leis humanitarias posíbeis” cos ataques aéreos contra a poboación civil, así como contra hospitais, escolas e refuxios. “Pedimos desde o primeiro día que cesase esta brutal agresión e a apertura de corredores humanitarios”, engadiu. “Estamos en contra da violencia e a favor da adopción de todas as vías pacíficas e legais para lograr os nosos fins nacionais”, culminou.

Pola súa parte, o secretario xeral da ONU tamén pediu unha negociación do cesamento das hostilidades para pór fin a unha “maldita guerra” que supón unha escalada que deixa a rexión “a un paso do precipicio”. Ademais, tamén solicitou “o único fundamento realista para unha paz e unha estabilidade verdadeiras, unha solución de dous Estados”.

“Os israelitas deben ver materializadas as súas necesidades lexítimas de seguridade, e os palestinos deben ver realizadas as súas aspiracións lexítimas dun Estado independente, de conformidade coas resolucións da ONU, o Dereito Internacional e os acordos previos”, declarou. “Chegou o momento de actuar para pór fin a este espantoso pesadelo e para construír un futuro digno dos soños das crianzas de Palestina, Israel, a rexión e o noso mundo”, concluíu o representante das Nacións Unidas.

Os Estados árabes manifestaron o seu respaldo á poboación palestina na súa demanda dunha solución política que contemple a formación de dous Estados. Desta forma, o rei de Xordania (Estado fronteirizo con Cisxordania), Abdalá II, denunciou o “cruel” bombardeo sobre Gaza, un “un castigo colectivo sobre un pobo asediado e indefenso”.

“É unha violación flagrante do Dereito Internacional e Humanitario, un crime de guerra. Canto máis grave e cruel é a crise, menos parece importarlle ao mundo”, reprochou o monarca. “Israel está atacando infraestrutura civil e matando de fame deliberadamente unha poboación enteira por falta de alimentos, auga, electricidade e outras necesidades básicas”, afirmou. “Deben render contas de inmediato, inequivocamente”, engadiu, para concluír que o Estado israelita “debe asumir que non existe unha solución militar”.

Destacada foi a participación do presidente surafricano, Cyril Ramaphosa, quen asimilou a situación dos palestinos á da época do Apartheid en Sudáfrica. “Como surafricanos podemos entender o que lles ocorre aos palestinos. O noso pobo levou a cabo unha loita valente para lograr a súa liberdade e tivo que sufrir, como os palestinos fan agora”, lembrou. “Mais tivemos líderes valentes que deixaron atrás as súas diferenzas para conseguir a paz e pór fin ao sistema do Apartheid”, resaltou antes de pedir o cesamento das hostilidades.

Na cita tamén estivo o presidente español, Pedro Sánchez, que se uniu ao numeroso conxunto de Estados que pediron o recoñecemento de Palestina a través dunha solución de dous Estados. Así, pediu un “esforzo” da comunidade internacional para “sentar as bases de dous Estados, Israel e Palestina, que se respecten mutuamente e coexistan en seguridade e paz”.

Un senda pola que tamén apostou Italia a través da súa primeira ministra, Giorgia Meloni, que pediu “evitar unha escalada” e unha folla de ruta “cara a unha solución de dous Estados”. “Ningunha intervención militar pode impoñerse a unha solución política viábel”, engadiu.

Comentarios