Sen novas de AbuSakha

Pallasos en Rebeldía e BDS Galiza exixen a súa posta en liberdade após ser detido por forzas israelís na Cisxordania ocupada. Denuncian non ter novas sobre o clown, de 23 anos, desde a súa detención.

Mohammed Abusakha
photo_camera Mohammed Abusakha

O clown palestino Mohammed Abusakha foi deitodo o 14 de decembro no posto de control israelí localizado en Zaatara, na Cisxordania ocupada, de acordo coa información difundida por Pallasos en Rebeldía

A entidade, da que é colaborador e amigo Abusakha exixe a súa liberación e iniciou unha campaña que inclúe a recollida de sinaturas através da rede para procurar apoios. 

Denuncian non ter novas sobre o clown, de 23 anos, desde a súa detención. O 22 de decembro o Tribunal Militar de Salem ratificou a orde de detención administrativa que permite encarcerar unha persoa sen cargos nen xuízo. 

Pallasos en Rebeldía manifestou o seu "profundo rexeitamento" a esta detención que califican de "ilegal" e "arbitraria" e reclamaron a súa "revogación inmediata". 

Pallasos en rebeldía chama a se sumar con accións de protesta e de difusión 

Neste senso, lanzan un chamamento internacional a que outros axentes sociais e persoas a título individual se sumen á iniciativa de "firme oposición" con "manifestacións e accións de protesta fronte ao consulado israelí ou as embaixadas de cada país"; "contactar con autoridades con competencias en Palestina para que medien neste conflito", así como dando a coñecer através dos medios de comunicación e redes sociais " a historia deste docente e artista de circo detido arbitrariamente e a ilegalidade do frecuente uso da detención administrativa sen cargos por parte dos militares israelís". 

Mohammed AbuSakha "é un mozo entregado ao mundo circense, apaixonado e comprometido con programas sociais en Palestina", explica Pallasos en Rebeldía. Aliás, é colaborador desde a primeira edición do FestiClown e amigo do seu director, Iván Prado. 

"AbuSakha é na actualidade un recoñecido artista e docente e un clown moi querido polos seus alumnos e público ao que se entrega en corpo e alma", afirman. 

Comentarios