SEGUNDA VOLTA DAS DEPARTAMENTAIS

O nacionalismo atinxe representación en Iparralde, Bretaña e Córsega

As eleccións en Francia deixan un retroceso do centro-esquerda, avanzo da dereita e estancamento da extrema-dereita. E tamén que en certos países do hexágono o nacionalismo segue a xogar un papel.

Bretaña, breizh
photo_camera Bretaña

No estado exemplo de centralismo xacobino hai pobos que non se resisten a deixar de existir politicamente. Algo que volveu evidenciarse na segunda volta das eleccións departamentais francesas, que decorreron esta fin de semana, deixando un mapa xeral de retroceso do centro-esquerda (O Partido Socialista e aliados non chegaron ao 32%), un avanzo das dereitas máis dereitas ca nunca (45,2%) e dunha extrema-dereita que segue a apañar votos e apoios (22,3%) mais que amosa esgotamento a respeito de citas anteriores (europeas)

Mais ese é o mapa electoral da Francia que se gosta de si propia en París. Hai outra, claro, e que tamén ficou reflectida nestas eleccións, integrada polos diferentes pobos e nacións. Embora unha lei electoral que non facilita a súa representación, o nacionalismo atinxiu representación en Iparralde, Breizh (Bretaña) e Córsega.

Iparralde: a esquerdas abertzale, vigorosa

EH Bai, o referente da esquerda abertzale en Iparralde (os territorios vascos baixo xurisdición francesa), conseguira na primeira rolda un inédito e histórico 16% dos votos, o que lle deu dereito a disputar a segunda volta até en 5 cantóns. Pois ben, naquel no que realmente tiña opcións de vitoria -o de Errobi-Aturri- EH Bai bateu este domingo 29 de marzo, e con comodidade, o Frente Nacional de Le Pen, co que disputaba a praza. Bateuno por 56 puntos de diferenza.

Breizh: Vitoria en dous cantóns

O MBP (Movemento polo Progreso de Bretaña) confirmou nesta segunda volta as espectativas amosadas na primeira, informan de Nationalia, e venceu nos cantóns de Karaez e Gourin. Porén, dos 5 departamentos existentes en Breizh, a esquerda venceu en 3 e a dereita en dous.

Córsega: Norte e sur

A illa ten comportamentos diferentes. Así, no norte venceu a esquertda e no sur a dereita. A candidatura Femu a Corsica/Insieme per Bastia atinxiu tres representantes, que pasan a integrar o Consello Departamental da Alta Córsega, onde até o de agora o nacionalismo non tiña representación. No do sur había até agora 2 representantes de formacións corsas, mais que non conseguiron ser reelectos.

Para 2017 está prevista a fusión de ambos os dous consllos nun único organismo corso.

Comentarios