Muda o mapa de Groenlandia: o desxeo eleva o chan e provoca a formación de novas illas

Unha investigación detecta que o chan da illa subiu vinte centímetros en só dez anos.

Barrio, de Nuuk, capital de Groenlandia
photo_camera Barrio, de Nuuk, capital de Groenlandia.

A pesar de que unha das principais ameazas das vindeiras décadas é a suba do nivel do mar a escala mundial, en grande parte debido ao desxeo en Groenlandia, esta illa está a experimentar precisamente o proceso contrario, cun rápido aumento do nivel do chan.

Unha investigación de DTU Space, o maior instituto de investigación científica espacial de Dinamarca, detectou unha elevación de vinte centímetros do terreo en dez anos, o que, extrapolado, suporía un aumento de dous metros nun século.

De feito, prevese que a tendencia se acelere, pois, desde 2003, o proceso multiplicouse por catro. Por exemplo, no glaciar Kangerlussuaq produciuse un retroceso do xeo de dez quilómetros desde 1900 e a capa de xeo é varios centos de metros máis delgada.

O motivo desta elevación é precisamente o derretemento da capa de xeo, desde a última idade de xeo, hai doce mil anos, que alivia a presión sobre a masa terrestre e que agora se acelerou co cambio climático.

"Estes elevamentos de terras son bastante significativos, agora podemos demostralo, e indican que os cambios locais en Groenlandia están a producirse moi rapidamente e están afectando a vida en Groenlandia. Tamén afectan ao mapa de Groenlandia, xa que novas terras emerxen do mar e dan lugar a novas illas", di Danjal Longfors Berg, estudante de doutoramento en DTU Space, que forma parte do equipo que publicou o estudo en Geophysical Research Letters.

A investigación baséase en datos de GNET, unha infraestrutura de xeodésica, é dicir, do estudo da forma e dimensións da Terra, que conta cunha rede de sesenta e unha estacións de medición ao longo da costa da illa que fai parte de Dinamarca.

"O levantamento da terra que observamos en Groenlandia estes anos non se pode explicar só polo desenvolvemento natural despois da idade de xeo. Groenlandia aumenta significativamente máis. Cos nosos datos GNET, podemos illar con precisión a parte do levantamento do terreo causado polo cambio climático", dixo o profesor Shfaqat Abbas Khan, coautor do novo estudo.

Comentarios