Nos vindeiros 20 anos

68% dos groenlandeses a favor de se independizar de Dinamarca

Dous de cada tres apoian lograr a soberanía plena durante as próximas dúas décadas. De haber agora un referendo só optarían pola independencia 38%.

 

Barrio, de Nuuk, capital de Groenlandia
photo_camera Barrio de Nuuk, capital de Groenlandia

Independencia si, mais a modo. A maioría da poboación de Groenlandia é partidaria de se independizar do Reino de Dinamarca mais non así de facer efectiva esa opción agora mesmo, se ben un máis que respectábel 38% dos groenlandeses si que apoiarían xa a soberanía plena por un 33% que non.

68% dos groenlandeses queren que o seu país se independice nalgún momento ao longo dos vindeiros 20 anos, segundo un estudo de opinión das Universidades de Copenhage e Goenlandia do que informa Nationalia. Os dados son coherentes cos resultados electorais nesta gran illa, e nos que os partidos independentistas abeiran 70% dos votos.

O estudo aponta que se houbese agora un referendo independentista os votos a favor serían 38%, cinco puntos por riba dos partidarios do non (33%). Case 30% dos poboadores de Groenlandia non decidiron que opción adoptar. Se se lles pregunta sobre a hipótese dun referendo de autodeterminación de aquí a dez anos, 46% afirman que  nel votarían independentista por un 21% que votarían por permanecer en Dinamarca.

Groenlandia ten unha autonomía para se gobernar sobre aquelas cuestións que lle afectan. En virtude dela, en 1985 decidiu saír da Comunidade Económica Europea (actual Unión Europea), na que entrara en 1973 da man de Dinamarca, reino do cal a illa era unha simple provincia. Entrou malia que a maioría das e dos groenlandeses estaban en contra de facelo. Tamén estaba en contra de entrar na CE outro territorio baixo soberanía dinamarquesa, as illas Feroe. O particular status de auto-goberno que posuía naquela altura permitiulle ficar fóra da institución europea, precisamente o que non puido facer Groenlandia por ser unha simple rexión do Reino de Dinamarca.

Mais en 1979 Groenlandia logrou un estatuto de auto-goberno, unha demanda histórica dos nacionalistas, que vían esa etapa como un paso máis na andaina cara á independencia. Os nacionalistas non querían seguir na Comunidade europea, organismo cos que os groenlandeses apenas tiñan ligazón cultural ou económica, e do que entendían que non tiña nin interese nin sensibilidade para entender os problemas específicos dun territorio como Groenlandia. A maiores, a lexislación comunitaria en pesca (actividade que supuña 40% do seu PIB) era lesiva para os intereses deste sector, o que tamén acontecía coa lexislación no eido da caza.

O 23 de febreiro de 1982 decorreu o referendo solicitado polo ‘Lansddtyre’ (goberno local) para que os 60.000 habitantes de Groenlandia decidisen sobre a continuidade ou non do país na CE. Era unha consulta de carácter non vinculante mais a vitoria dos partidarios de marchar da Comunidade europea (52% dos votos fronte aos 46% partidarios de seguir) foi aceptada polo executivo dinamarqués, que por boca da súa ministra de asuntos para Groenladia dixo que se ía “respectar a vontade do pobo”. Por primeira vez na historia da comunidade europea un país decidía abandonala.

Comentarios