Montoro dá por suposto que non haberá acordo orzamental con Cs

Resta dramatismo ao desacordo e abre un cenario inédito: chegar a final de lexislatura coa actualización, vía decreto lei, dos orzamentos de 2017.

Cristóbal Montoro
photo_camera Cristóbal Montoro

Montoro xa avanzou esta tese nunha entrevista a segunda feira na Cope e confirmouna esta cuarta cunha conversa informal con xornalistas nos corredores do Congreso.

O que quixo transmitir Montoro é despreocupación do Goberno perante un eventual bloqueo de Ciudadanos aos orzamentos. Unha despreocupación máis finxida que real. Tal e como van os inquéritos, o Goberno é consciente de que gobernar sen novas contas cada ano desgastará aínda máis a imaxe pública do Executivo.

Con todo, o Goberno envía un recado clarísimo ao partido laranxa: Rajoy en ningún caso pensa adiantar as eleccións, houber ou non orzamentos. Portanto, traslada a presión ao líder de Ciudadanos. Se Rivera quere avanzo eleitoral, terá que ser el quen rache coa Moncloa.

O Goberno envía un recado clarísimo ao partido laranxa: Rajoy en ningún caso pensa adiantar as eleccións, houber ou non orzamentos

O plano de Montoro ten unha debilidade: a actualización dos orzamentos vía decreto -por exemplo para actualizar o salario das e dos funcionarios- ten de ser tamén convalidada polo Congreso. Isto significa que se o PP dependería na mesma de Ciudadanos. Dirixentes do PP filtraron nos últimos días que nesas circunstancias o Goberno sondexaría a hipótese de chegar a acordos puntuais co PSOE de Pedro Sánchez, a practicar unha pinza sen precedentes, os dous partidos do bipartidismo unidos para conter o avanzo da formación laranxa.

En todo caso, Rajoy xoga a súa baza favorita, a de gañar tempo. Pensa que se chega a 2020 ten máis opcións de revalidar do que de convocar eleccións neste momento, co partido moi deteriorado pola onda de corrupción e polos seus calamitosos resultados do 21D.

Comentarios