CATALUNYA

“O momento é excepcional”: o pleno de investidura torna nunha sesión de defensa das liberdades e a democracia en Catalunya

O executivo de Rajoy ameaza o president da Cámara con emprender accións contra el se mantiña a sesión de investidura. Torrent suspendeu o pleno de investidura, que pasou a ser unha quenda de intervencións das formacións representadas na Cámara. Finalizado o debate, Torrent leu unha declaración institucional. Propuxo unha "fronte común" na defensa da democracia e os dereitos fundamentais.

1200_1521896360Declaraci
photo_camera Imaxe: Nació Digital

O president do Parlament, Roger Torrent, decidiu suspender a votación do pleno deste sábado. O goberno español ameazárao con accións se mantiña o pleno, por considerar o executivo que ía contra a doutrina do Tribunal Constitucional. A primeira hora da mañá as formacións unionistas representadas na Cámara catalá reclamaron a suspensión desta segunda volta do pleno. Unha hora antes do inicio do mesmo, fontes de Moncloa advertían de que manter o pleno podía implicar accións contra o presidente do Parlament.

Unha segunda sesión de investidura facíase entón  imposíbel: o encarceramento do candidato (Jordi Turrul) e a ameaza do goberno español. O que houbo, pois, foi unha sesión na que cada un dos sete grupos representados no Parlament tiñan 15 minutos para intervir e expoñer as súas impresións. O PP desmarcouse e abandonou o hemiciclo, negándose a participar no debate.

A primeira en tomar a palabra foi Inés Arrimadas, de Ciudadanos, que cargou con dureza contra o ‘procés’, ao que acusa de ser responsábel de todos os males que sofre Catalunya e de boa parte dos que hai no Estado español. Cualificouno de “fracaso absoluto” e defendeu que España é “unha democracia europea do século XXI”.

Sergi Sabrià, de ERC, afirmou que o independentismo non vai renderse e que encarceramentos como os desta sexta feira non fan senón reforzalo nos seus convencementos. Fixo un chamamento aos “demócratas españois” a actuar e sentenciou que con estas medidas represivas o que o Estado español amosa é que “están en descomposición”.

Miquel Iceta (PSC) cualificou de “desproporcionada” a prisión preventiva para os líderes independentistas. Quixo marcar distancias co PP e Ciudadanos  e chamou a atopar “solucións políticas” ao tempo que, aos independentistas, apremiábaos a “formar un Govern” para poñer fin ao 155.

Por Catalunya en Comú, interveu Xavi Domenech, que criticou a lóxica de “vencedores e vencidos” impulsada polo Estado ao tempo que pediu ao independentismo que formase govern. “se non poden, non pasa nada, dígano, para poder explorar maiorías alternativas”. Para Domenech, a saída á situación actual pasa por “interpelar a todos, desde a CUP até PSC, desde Omnium ate CCOO”.

A deputada Natàlia Sànchez, da CUP, foi a encargada de fixar a posición dos anticapitalistas. Sànchez subliñou que é precisa unha estratexia para avanzar nunha “fronte ampla contra a represión da España de Felipe VI". "Se nos xulgan como un país, imos responder como tal. Nunca poderán con este pobo”, concluíu.

Quim Torra asumiu o discurso de Junts per Catalunya (JxCat), o último realizado na anómala sesión parlamentaria deste sábado. O deputado recordou a figura de Jordi Turull, subliñou o enorme apoio acumulado pola causa independentista e enviou unha mensaxe ás forzas que representan o unionismo en Cataluña: "Queredes que Cataluña sexa unha gran prisión? Vannos condenar aos dous millóns de cidadáns que queremos a independencia? " O deputado de JxCat argumentou a erosión provocada pola represión do Estado e sinalou que "o sistema fallou".

Declaración institucional

Finalizado o debate, o presidente do Parlament realizou unha intervención. Torrent propuxo unha "fronte común" na defensa da democracia e os dereitos fundamentais nunha comparecencia no auditorio do Parlament acompañaddo de expresidentes do Parlament e da Generalitat e os representantes na Cámara de JxCat, ERC, Catalunya en Comú e CUP.

Torrent pediu o apoio de "todos os demócratas de España, Europa e do mundo" tendo en conta a situación actual. "Encarcer a xente por ideas políticas está poñendo fin á liberdade ideolóxica. Son accións que violan os dereitos civís e políticos nos que se apoia o estado de dereito", reflexionou Torrent, que dixo que o que se viviu esta sexta feira foi "un ataque á democracia".

Comentarios