Llarena decreta o ingreso en prisión de Turull e inviabiliza a segunda volta da súa investidura

Tamén decreta prisión preventiva para os deputados Josep Rull e Raül Romeva, así como Dolors Bassa, Carme Forcadell e Marta Rovira, que esta quinta feira anunciaban que deixaban os seus escanos.

turull imaxe @naciodigital
photo_camera turull imaxe @naciodigital

A secretaria xeral de ERC, Marta Rovira, non se presentou esta sexta feira no Supremo e anunciou nunha carta á militancia republicana que marchaba para o exilio. A Fiscalia pide para Marta Rovira unha orde de busca e captura internacional, petición que fai extensiva ao resto de políticos exiliados, entre eles Carles Puigdemont e Anna Gabriel.

O maxistrado segue así a doutrina da Fiscalía, que pola mañá pedira a prisión preventiva para os procesados por risco de fuga. Tamén pediu a prisión para os independentistas o partido de ultradereita Vox, personado na causa.

Ao enviar Turull a prisión o xuíz do Supremo inviabiliza a segunda volta da investidura. Por dúas razóns. Primeira, porque -tal e como aconteceu con Jordi Sànchez- non existe ningunha posibilidade de que lle conceda un permiso penitenciario para acudir ao debate. Segundo, porque ao se abrir xa formalmente o seu procesamento por un delito de rebelión, ficaría suspendida a súa condición de cargo público tal e como prescribe o artigo 348 bis da Lei de Axuizamento Criminal. Toda persoa procesada por deste delito, embora non existir sentenza firme contra el, perde os seus dereitos políticos e vese privada do dereito ao sufraxio pasivo, isto é, a se candidatar a un cargo público.


A nova ofensiva do poder xudicial español contra o independentismo catalán obriga, pois, as forzas soberanistas a repensar a súa estratexia. Basicamente teñen dúas opcións por diante. A primeira, a de propor a candidatura á presidencia dunha persoa que non estexa a ser investigada polo xuíz Llarena. A segunda, a de deixar que o calendario se esgote (dous meses a partir do primeiro debate de investidura) e ir a unha nova convocatoria eleitoral.

Comentarios