Os militares de Gabón fanse co poder e depoñen un aliado francés

O xa ex presidente Bongo gañara as eleccións con acusacións de fraude, de xeito similar aos anteriores comicios.
Ali Bongo, presidente de Gabón. (Foto: Gabonese Presidency / Europa Press / Contacto)
photo_camera Ali Bongo, presidente de Gabón. (Foto: Gabonese Presidency / Europa Press / Contacto)

O Exército de Gabón, no oeste de África, difundiu na madrugada da terza á cuarta feira que depuxo Ali Bongo, do conservador Partido Democrático Gabonés, como presidente do país nun golpe de Estado no que non se reportaron vítimas polo de agora.

Asemade, os militares disolveron as institucións, decretaron o feche de fronteiras e anularon as eleccións xerais do pasado sábado, cuxos resultados foran divulgados pouco antes da sublevación.

Entre múltiples denuncias de fraude electoral de Albert Ondo Ossa, o principal candidato opositor, as autoridades electorais indicaron que Ali Bongo tería gañado un terceiro mandato presidencial consecutivo ao imporse con 64,27% dos sufraxios, por 30,77% de Ondo.

A medida que a poboación gabonesa foi coñecendo a nova milleiros de persoas saíron a manifestarse pola mañá a favor do golpe de Estado e da saída de Bongo do poder, que poría fin a 55 anos de Goberno da mesma familia, após dirixir o seu pai, Omar Bongo, o país desde 1967, primeiro nun sistema de partido único e despois multipartidista mais sempre co apoio de Francia, que tiña nel e no seu fillo un importante aliado na zona.

O líder da Garda Presidencial de Gabón, Brice Oligui Nguema, comunicou a Le Monde que a cúpula militar decidiría quen lideraría a transición, nunha reunión na que o propio Nguema foi o elixido. Entrementres, Bongo está detido e pediu aos “amigos” de Gabón que “fagan ruído”.

O deposto presidente “estaba tratando de crear as condicións para reprimir a oposición e fabricarse outra vitoria noutra elección amañada, mais desta vez os militares decatáronse de que isto era demasiado salvaxe e tiñan que actuar”, explica Adama Gaye, analista político citado por Al Jazeera.

Ao tempo, Michael Amoah, investigador da London School of Economics, cualificou a situación como “unha primavera francófona”, na que o “sentimento antifrancés” está a provocar “un efecto dominó desde Malí até Burkina Faso, Níxer e agora Gabón”. Tamén fai fincapé en que a meirande parte dos países africanos con presidentes que asumen longos mandatos son ex colonias francesas. En cambio, analistas como Ovigwe Eguegu descartan o vínculo con outros golpes de Estado na área, apuntando que “este ten que ver especificamente co proceso electoral".

O Goberno de París condenou a sublevación e o presidente de Nixeria, Bola Tinubu, que impulsa unha intervención militar en Níxer para restituír Mohamed Bazoum, deposto polos militares, como presidente, criticou o “contaxio autocrático” no continente.

Comentarios