Golpe de Estado en Gabón: membros do Exército anuncian a toma do poder após a reelección de Ali Bongo

Captura de pantalla do discurso dado por un grupo de militares anunciando un golpe de Estado en Gabón. (Foto: Europa Press).
photo_camera Captura de pantalla do discurso dado por un grupo de militares anunciando un golpe de Estado en Gabón. (Foto: Europa Press).

Un grupo de membros do Exército de Gabón anunciou esta cuarta feira a toma do poder, minutos despois de que as autoridades gabonesas confirmasen a reelección do presidente, Ali Bongo nos comicios do pasado sábado, tras os que recibiu 64,27% dos votos.

"As Forzas de Defensa e de Seguridade, reunidas no Comité para a Transición e a Restauración das Institucións (CTRI), en nome do pobo gabonés e garante da protección das institucións, decidimos defender a paz poñendo fin ao réxime vixente", declarou un dos militares nun discurso televisado.

Para iso, anularon as eleccións xerais e os resultados das mesmas, disolveron todas as institucións e fecharon as fronteiras "ata novo aviso". "Facemos un chamamento á calma e a serenidade á poboación, ás comunidades dos países irmáns asentados en Gabón e aos gaboneses na diáspora", agregou o portavoz militar, que mostrou o seu "compromiso co respecto ante a comunidade nacional e internacional"

"Defensa da paz"

Así mesmo, un dos doce militares que participaron na comparecencia indicou en declaracións concedidas á cadea de televisión Gabón 24 que este grupo "decidiu defender a paz poñendo fin ao actual réxime" encabezado por Ali Bongo.

O militar fixo fincapé en que a asonada deriva de "unha gobernanza irresponsábel e impredicíbel que provocou unha continua deterioración da cohesión social que ameaza con sumir ao país no caos", segundo recolleu a cadea de televisión británica BBC.

Tras o anuncio dos militares escoitáronse disparos na capital gabonesa, Libreville, aínda que polo momento non hai informacións sobre vítimas ou enfrontamentos, sen que as autoridades do país africano reaccionaran por agora. Ademais, descoñécese o paradoiro do presidente.

Eleccións

O Goberno gabonés suspendera o acceso a Internet tras as eleccións do sábado citando motivos de seguridade, aínda que fora restaurado pouco antes do golpe e o anuncio dos resultados oficiais. Xunto a esta medida, as autoridades impuxeron un toque de queda.

Segundo os resultados oficiais, o principal rival de Bongo, o opositor Albert Ondo Ossa, recibiría o 30,77% dos votos. A coalición Alternancia 2023, que o nomeou como candidato, apuntou a terza feira á existencia dunhas tendencias "moi favorábeis" no reconto dos votos e reclamou ao mandatario a organización dun "traspaso pacífico do poder".

Todas as vitorias electorais de Bongo, que ascendeu ao poder tras a morte do seu pai, Omar Bongo, en 2009, estiveron marcadas polas denuncias de fraude. O presidente sufriu un infarto cerebral en 2018 que o apartou durante case un ano da esfera pública, aínda que declinou retirarse.

Arresto domiciliario

Os militares golpistas de Gabón confirmaron que o presidente Ali Bongo, atópase baixo arresto domiciliario tras varias horas sen noticias sobre o paradoiro do mandatario despois do golpe á primeira hora do día, pouco despois de que a comisión electoral confirmase a súa reelección nas eleccións do sábado.

Bongo, confirmou que permanece na súa residencia a través dun vídeo no que fai un chamamento á comunidade internacional para que "faga ruído" tras o golpe de Estado.

"Son Ali Bongo Odimba, presidente de Gabón. Envío unha mensaxe a todos os amigos que temos no mundo para que fagan ruído".

Preocupación

Nunha reunión de ministros de Defensa da UE, o xefe da diplomacia europea Josep Borrell dixo que o bloque está cada vez máis preocupado pola axitación política na rexión. Unha preocupación que tamén manifestou desde Rusia o portavoz do Kremlin, Dimitri Peskov, que declinou anticipar conclusións xerais sobre o que está a acontecer en África Occidental.

A diferenza de Níxer e outros dous países gobernados por xuntas militares nesa contorna, Gabón non se viu arrasado pola violencia xihadista e considerábase relativamente estábel. Se ben, case 40% da poboación de entre 15 e 24 anos estaban sen traballo en 2020, segundo o Banco Mundial.

Comentarios