México cuestiona os vínculos de Calderón e Fox con García Luna tras a súa condena por narcotráfico

O ex zar antidroga foi declarado culpábel por narcotráfico nos Estados Unidos, despois de encabezar primeiro a Intelixencia mexicana e despois a Seguridade Pública nos Gobernos conservadores, un tempo no que segundo o xurado tería recibido subornos millonarios.
Felipe Calderón e Genaro García Luna. (Foto: Heriberto Rodríguez / Zuma Press / Contactophoto)
photo_camera Felipe Calderón e Genaro García Luna. (Foto: Heriberto Rodríguez / Zuma Press / Contactophoto)

“Que explicación lle vas dar ao pobo de México sobre por que nomeaches a [Genaro] García Luna?”, preguntou a cuarta feira en referencia ao ex presidente mexicano, o conservador Felipe Calderón (2006-2012), o actual mandatario, Andrés Manuel López Obrador, unha explicación que tamén demandou ao predecesor de Calderón, o tamén conservador Vicente Fox (2000-2006), un día despois de que un xurado nos Estados Unidos declarara por unanimidade culpábel a García Luna por conspiración para a distribución internacional de cocaína, para importar a droga a Washington, participar na dirección dunha empresa criminal e dar falso testemuño.

Está previsto que o maxistrado Brian Cogan emita a sentenza o vindeiro 27 de xuño, e que segundo os delitos polos que foi condenado poden implicar unha pena de cárcere que vai desde os 20 anos de reclusión até a cadea perpetua.

A polémica xurdida en México polo xuízo provén de que García Luna foi nomeado por Fox para dirixir a Axencia Federal de Investigacións, unha institución de Intelixencia, e xa na etapa de Calderón desempeñouse como secretario de Seguridade Pública, a cargo da loita contra o narcotráfico durante a guerra contra as drogas impulsada polo daquela presidente, e que segundo os medios mexicanos provocou máis de 350.000 mortes.

A súa condena chegou despois de que membros da cúpula do cártel de Sinaloa ou dos Beltrán Leyva recoñeceran que lle pagaron subornos millonarios para que protexera a súa actividade das operacións policiais e militares, e un ex fiscal condenado por narcotráfico afirmou que García Luna e o propio Calderón lle ordenaran apoiar o ‘Chapo’ Guzmán nunha loita entre faccións.

Até 35 millóns de euros tería recibido por facilitar o narcotráfico. O propio Guzmán efectuou a súa primeira fuxida dunha prisión de alta seguridade no mandato de García Luna en Intelixencia.

O avogado de García Luna, César de Castro, reitera que non se presentaron evidencias e que a condena produciuse polos testemuños “dalgúns dos criminais máis notorios e desapiadados que testemuñaron neste xulgado”.

Pola súa parte, Calderón, que apoiou até o último momento o seu antigo subordinado, apuntou que “xamais negociei nin pactei con criminais”.

En paralelo, López Obrador indicou que existe a posibilidade de que García Luna faga un trato para colaborar cos tribunais estadounidenses, sinalando que “oxalá o faga a cambio de que informe sobre se recibía ordes ou informaba os ex presidentes”.

Comentarios