Cidade de México dá luz verde ás baixas laborais por dores menstruais

O proxecto foi aprobado polos deputados da capital mexicana con 45 votos a favor de modificar a Lei Federal dos Traballadores ao Servizo do Estado, na súa aplicación local.
Un pleno do Congreso da Cidade de México (Foto: Congreso de la Ciudad de México).
photo_camera Un pleno do Congreso da Cidade de México (Foto: Congreso de la Ciudad de México).

O Congreso da Cidade de México aprobou unha iniciativa en materia laboral que outorga licenza ás mulleres empregadas no sector público que sofren de dores menstruais severos.

O proxecto foi aprobado polos deputados da capital mexicana con 45 votos a favor de modificar a Lei Federal dos Traballadores ao Servizo do Estado, na súa aplicación local.

A nova directriz estabelece que as traballadoras que fosen diagnosticadas con dismenorrea incapacitante primaria ou secundaria, e que poidan probalo mediante un certificado medico emitido preferentemente por unha institución de saúde pública, terán dereito a ausentarse do seu emprego até por dous días ao mes con goce de soldo.

A medida tamén prohibe ao sector patronal despedir ou obrigar a renunciar a calquera traballadora, directa ou indirectamente, por ausentarse ou presentar molestias derivadas do padecemento.

Ademais, considérase outorgar un día ao ano ás traballadoras para que acudan a realizarse estudos de mastografía ou papanicolaou [unha proba para detectar cancro do colo uterino], en tanto que se propón conceder aos traballadores masculinos un permiso similar para practicarse análise prostáticos.

De acordo cun comunicado emitido polo Parlamento estatal do país centroamericano, búscase estabelecer que a norma adopte un enfoque universal, "para beneficiar todas as persoas menstruantes". Neste sentido, os lexisladores chamaron os deputados e senadores federais a discutir unha política similar que sexa aplicábel en todo o territorio mexicano.

A proposta foi presentada polo congresista Nazario Norberto Sánchez o ano pasado e foi exposta esta semana pola deputada, Alicia Medina Hernández, ambos os do partido Morena.

"É urxente deixar de normalizar a dor das persoas que menstrúan, quen ven obrigadas a realizar as súas actividades cotiás aínda cunha condición física que en ocasións incapacítaas física e intelectualmente", resaltou na súa intervención a política.

De acordo con datos da autoridade parlamentaria, entre 45 % e 95 % das mulleres en idade reprodutiva presentan dor incapacitante durante o seu ciclo menstrual.

Comentarios