López Obrador gaña o referendo presidencial, marcado por unha baixa participación

Menos dun 20% do electorado mexicano votou nun referendo que garante a continuidade do presidente até 2024.
Andrés Manuel López Obrador, presidente de México. (Foto: Europa Press).
photo_camera Andrés Manuel López Obrador, presidente de México. (Foto: Europa Press).

O presidente de México, Andrés Manuel López Obrador, gañou con 90% dos votos o referendo de revogación que el mesmo convocara e que mobilizou menos de 20% da cidadanía, polo que non superou sequera 40% necesario para que fose vinculante.

Así, continuará como xefe de Estado até 2024, unha vez remate o mandato presidencial mexicano.

Unha das imaxes do día foi o propio presidente, que escribiu "Viva Zapata!" sobre a papeleta, en alusión a Emiliano Zapata, un dos líderes da revolución mexicana de 1910. Por tanto, a papeleta do presidente debería contabilizarse como voto nulo.

"Non podo votar por unha cousa nin por outra, pero teño que ir votar porque un demócrata ten que estar sempre implicado á hora de tomar decisións", dixo López Obrador.

Non vinculante

O presidente mexicano encarou as urnas con calma, consciente de que conta cun 60% de apoio nas enquisas.

De feito, aínda que gañara a opción de revogación -arredor dun 7% da poboación optou por esta opción-, López Obrador non tería que dimitir porque a participación non alcanzou 40%, o mínimo estabelecido para considerar os resultados vinculantes.

A oposición a López Obrador mostrou o seu rexeitamento ao referendo revogatorio desde o momento no que foi convocado, pedindo aos seus votantes que non acudisen a votar, pois tachaban a decisión como un "acto de promoción persoal" do actual presidente.

López Obrador foi elixido presidente de México en 2018 por seis anos, un dos mandatos máis longos dos xefes de Estado electos, e anunciou que convocaría un referendo para decidir a súa continuidade a medio prazo, como medida para reforzar a democracia directa.

Comentarios