Merkel arrasa e non precisará do SPD para continuar co seu programa neoliberal

Non haberá grande coligación. Con resultados xa oficiais, se ben son preliminares, dado o complexo sistema eleitoral alemán, a CDU, e os seus aliados bávaros da CSU, obtiveron o 41,5% das papeletas. Un resultado histórico. O mellor dos democrata-cristianos desde 1990, a un paso da maioría absoluta. Merkel -que perde no Bundestag ao seu socio liberal, a FDP- ten marxe abondo para formar goberno sen os socialdemócratas.

Merkel
photo_camera Imaxe dun mítin da CDU

O SPD ficou no 25,7 %. Avanzou a respeito do resultado de hai 4 anos, mais ficou a unha distancia sideral (máis de 15 pontos) do partido de Merkel. Por moito que no último tramo da campaña o seu líder, Peer Steinbrück, tentase distanciarse da chanceler, está claro que a sombra da grande coligación -a ideia de que, pasar o que pasar, o SPD partilla boa parte do programa direitista dos cristiano-demócratas- lastrou as opcións eleitorais do histórico partido de Billy Brandt.

En realidade, nesta campaña non estaba en xogo que políticas se ían facer desde o goberno, senón quen as ía implementar. Se Merkel en solitario ou se Merkel co SPD [aquí é importante lembrar que a contrarreforma neoliberal do Estado do Benestar alemá comezouna Gerhard Schröder coa súa Axenda 2010, o principio do fin do SPD como partido hexemónico no seo da clase traballadora xermana]. Á luz dos resultados, é evidente que o eleitorado non mostrou o menor interese en obrigar a Merkel a partillar o poder con Peer Steinbrück. Mais ben optou por lle dar máis poder á chanceler, que, porén, non puido atrapar a maioría absoluta.

Os liberais levan unha malleira do eleitorado

É moi probábel, porén, que un sector do eleitorado dos liberais si que preferise un goberno democrata-cristiano en solitario do que a grande coligación. Daí que transferisen os seus apoios a Merkel. Daí que o FDP ficase só no 4,8 por cento dos votos, 2 décimas menos do límite do 5 que é condición sine qua non para ter escanos no Bundestag. Os liberais son, en realidade, os grandes derrotados destas eleccións e baixan en 9,9 pontos a súa percentaxe de voto.

Así as cousas, e embora arrasar, Merkel podería enfrentar a vindeira lexislatura nunha situación nova e sen precedentes en Alemaña: un goberno en minoría sen maioría absoluta. Dado que Steinbrück desbotou na noite do domingo formar coligación, Merkel terá que negociar apoios puntuais, quer dos Verdes (cuarta forza máis votada, co 8,4 %) quer do SPD.

Queda de votos de Die Linke

Die Linke, a forza de esquerdas nada do antigo partido comunista gobernante na RDA, faise cun 8,6% das papeletas, un 3,4% menos do que en 2009. Sofre unha importante fuga de votos (á que non é allea a retirada de Lafontaine da primeira liña e os problemas de definición política desta formación, con tensións permanentes entre antigos socialdemócratas e herdeiros do partido comunista da Alemaña oriental). Mais mesmo así sería a terceira forza política do país.

Merkel pode respirar tranquila: o acordo á súa esquerda é imposíbel, sendo que o SPD e Os Verdes están máis próximas dela nas políticas centrais (basicamente nas axendas económica e social) do que de Die Linke.

Mentres, o partido anti-UE Alternativa para Alemaña tivo un moi bon resultado, un 4,7%, mais insuficiente para entrar ou non no Bundestag. O Partido Pirata, a sensación política na Alemaña de hai 2 ou 3 anos, engruñou á hora da verdade e apenas atrapou o 2,2% do voto.

Comentarios