Marta Rovira revela que o PP propuxo a ERC negociar o seu apoio á investidura de Feixoo

“Contestamos que non negociariamos cos do 'a por eles' e os da Operación Catalunya”, asegura a portavoz do partido republicano, Raquel Sans.
marta rovira
photo_camera marta

A secretaria xeral de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), Marta Rovira, asegurou esta terza durante unha entrevista en Ser Catalunya que durante o mes de agosto o PP quixo pactar con eles para que apoiasen unha investidura do líder do partido, Alberto Núñez Feixoo, mais que o partido independentista negouse a esta posibilidade.

“En agosto veu un deputado do PP, Carlos Floriano, para propoñernos negociar e falar para construír unha maioría no Congreso. Nós negámonos”, asegurou desde Xenebra. Non sei se eles tiñan unha mínima esperanza de que nós nos movésemos mais iso era imposíbel, porque, que nos une co PP? Nada”, afirmou a responsábel independnetista.

Rovira non detallou cando exactamente se produciron as conversacións, mais si concretou que foron entre a úa portavoz no Congreso, Teresa Jordà, e o deputado popular Carlos Floriano. “Propúxonos que negociásemos e respondémoslle que grazas, maisque non falamos co PP”, insistiu a dirixente republicana.

Para ERC, a única maioría posíbel era o que denominan “bloque democrático”, o que facilitou a investidura de Pedro Sánchez con apoios de esquerdas e nacionalistas. “O que suma forzas progresistas, principalmente de esquerdas, e que traballa para pór fin á represión política”, describiuno Rovira. “O PP é o contrario a isto”, recalcou, para logo lembrar que unha maioría dos populares seguiría requirindo en calquera caso o apoio de Vox.

Estas declaracións chegan nun contexto no que Junts segue ameazando aos populares con novas revelacións do contido das conversas que mantiveron os independentistas co partido de Núñez Feixoo após as eleccións do 23 de xullo.

ERC afirmou que eles tamén recibiron a “chamada do PP” tras os comicios. “Contestamos que non negociariamos cos do 'a por eles' e os da Operación Catalunya”, asegura a portavoz do partido republicano, Raquel Sans.

A voceira do Executivo español e ministra de Educación, Pilar Alegría (PSOE), inculpou os conservadores por mentir á poboación estatal, ao seu electorado e á ultraespañolista Vox, o seu “único socio”.

No tocante á ofensiva da Xustiza española para frear a proposta de lei de amnistía, transcendeu que José María Macías, membro do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) español, e o ex vogal do órgano Juan Pablo González, que dirixe a Audiencia Provincial de Madrid, participarán a quinta feira nun acto contra a norma.

O CXPX leva máis de cinco anos co mandato caducado polo bloqueo do PP á súa renovación, o que lle permite manter unha maioría conservadora nun ente xudicial determinante.

Comentarios