Máis trombos coa Covid que coa vacina

Catro casos cada millón con Moderna e Pfizer; cinco con AstraZeneca.
Unha profesional sanitaria sostén un vial coa vacina de  AstraZeneca (Foto: Juan Manuel Serrano Arce / Europa Press)
photo_camera Unha profesional sanitaria sostén un vial coa vacina de AstraZeneca (Foto: Juan Manuel Serrano Arce / Europa Press)

Un estudo levado a cabo por investigadores da Universidade de Oxford, o organismo que xunto con AstraZeneca desenvolveu a vacina Vaxzevria, máis coñecida como vacina de AstraZeneca, afirma que o risco de sufrir casos de trombose venosa cerebral (TVC) é moito maior de ser infectado co novo coronavirus que pola inoculación de vacinas contra a Covid-19.

Tanto a vacina de AstraZeneca como a de Janssen rexistraron casos raros supostamente relacionados coa inoculación. Na cuarta feira, os organismos reguladores nos EUA recomendaron suspender o uso de Janssen tras informarse de seis casos de TVC de entre os sete millóns de inxeccións dispensadas. E Dinamarca decidiu horas despois cancelar definitivamente o uso das vacinas de AstraZeneca.

A Axencia Europea do Medicamento (EMA) insistiu, porén, que os beneficios da vacinación superan os riscos e que os casos rexistrados son "moi raros".

39 por cada millón

O estudo elaborado por investigadores da Universidade de Oxford sobre unha mostra de 513.2840 pacientes da Covid reflicte que se deu unha porcentaxe de casos de TVC de 39 casos por cada millón. Os datos da EMA acerca de AstraZeneca rexistraron cinco casos de TVC por cada millón de vacinados.

E os investigadores achegaron a maiores os datos que recompilaron para o estudo sobre inoculación con vacinas de ARN mensaxeiro (Pfizer e Moderna).

Para este cálculo tiveron en conta os datos de 489.871 persoas vacinadas con algún destes dous antíxenos: a porcentaxe resultante foi de catro casos de TVC por cada millón de inoculados.

Na conferencia de prensa para presentar os datos, os investigadores Paul Harrison e Maxime Taquet subliñaron que o recente debate sobre a relación entre as vacinas e os casos de trombos perdera a perspectiva da gravidade que ten a doenza da Covid.

Comentarios