Crise das refuxiadas

Máis de 57.000 persoas seguen bloqueadas nas fronteiras gregas

Os últimos dados da ACNUR cifra en 57.000 o número de vidas bloqueadas en territorio grego. Estas persoas moran nos campos creados polo Goberno grego para as atender. As queixas sobre as condicións destes campos multiplícanse nos últimos días.

[Imaxe: @cochetel] Imaxe dun campo de asistencia para refuxiadas do Goberno grego
photo_camera [Imaxe: @cochetel] Imaxe dun campo de asistencia para refuxiadas do Goberno grego

O balanzo máis actual do que dá conta a ACNUR cifra en 57.000 as persoas que se atopan bloqueadas nas fronteiras gregas e que viven nos campos de asistencia creados polo Goberno de Alexis Tsipras para as atender. Precisamente estes campos foron punto de crítica nos últimos días. As queixas sobre as condicións de vida nestes lugares provocou un protesto en Malaska (norte de Atenas) no que participaron 1.300 persoas.

Estas 57.000 persoas ficaron atrapadas nas fronteiras de Grecia porque chegaron xusto despois de que Macedonia decidira fechar a coñecida como ruta dos Balcáns e xusto antes de que a UE asinara o tratado con Turquía que dá luz verde ás deportacións. Moran nos 48 campos de asistencia creados polo Goberno grego e proceden dos campos do Pireo, Elinikón e Idomeni. A ACNUR estima que a cifra aumente cando terminen de evacuar estes tres campos.

Os Gobernos da UE seguen a incumprir os seus compromisos e tan só realoxaron o 1% das 160.000 refuxiadas que se comprometeran a recolocar

Polo de agora, os Gobernos da UE seguen a incumprir os seus compromisos e tan só realoxaron o 1% das 160.000 refuxiadas que se comprometeran a recolocar. Namentres, segundo dados da ACNUR, unhas 18 persoas morren ao día no Mediterráneo no seu intento de pisar terra europea. Segundo a axencia da ONU, desde 2014 faleceron xa 10.000 refuxiadas.

670 millóns de dólares

Ckhx-zkWEAA5nXQNo seu último boletín de noticias, a ACNUR advirte de que en 2016 se requirirán 670 millóns de dólares para axudar as persoas refuxiadas que se atopan bloqueadas nos campos de asistencia. E é que aínda que o feche de fronteiras e o acordo entre a UE e Turquía reduciu a afluencia de persoas refuxiadas, quen se atopa en Europa segue a necesitar axuda.

“As necesidades sen satisfacer seguen a ser significativas, xa que as condicións de vida nos campos de Grecia, nas illas e na parte continental, deterioráronse como consecuencia da conxestión e a rapidez coa que os campos foron estabelecidos na área continental”, afirma o boletín da ACNUR.

O número de nenos e nenas entre as refuxiadas aumentou e no 2016 chegou ao 38% de todas as persoas que chegan a Grecia

O caso máis grave é o que atinxe as crianzas. O número de nenos e nenas entre as refuxiadas aumentou e no 2016 chegou ao 38% de todas as persoas que chegan a Grecia. Nos primeiros meses de 2016 chegaron por mar 200.000 persoas.

Comentarios