O macronismo cede e anuncia unha nova redacción da polémica 'Lei Mordaza' gala

As protestas do sábado en Francia conseguiron que os grupos que sustentan o Goberno reconsiderasen a súa posición e hoxe anunciaron que se fará unha nova redacción do polémico artigo 24 da 'Lei Mordaza' gala. É o punto –e seguido– a unha semana onde a autoridade moral das forzas de seguridade foi posta en cuestión.
lyon_securite
photo_camera Un momento da concentración contra a Lei de Seguridade Global na Place des Terreaux de Lyon (Foto: Nós Diario)

Se James Baldwin (1924-1987) levantase a cabeza non recoñecería Francia. O autor e activista polos dereitos civís, que chegou a París con 24 anos e 40 dólares no peto, fuxindo do racismo nos Estados Unidos desde o seu Harlem natal, palidecería hoxe vendo o país e a capital do Maio do 68, o lugar onde confesou que por vez primeira non temera, sendo negro, pola súa vida. 

A semana pasada comezaba co expeditivo desaloxo dun campamento de inmigrantes, instalado na Praza da República parisiense tras ser retirados, sen alternativa de aloxamento, días antes de Saint-Denis. A violencia empregada pola Policía foi mesmo criticada polo ministro do Interior, Gérald Darmanin. 

Ao día seguinte, a Asemblea Nacional ─a Cámara baixa─ aprobaba a Lei de Seguridade Global, que no seu artigo 24 prevé a sanción "dun ano de prisión e unha multa de 45.000 euros" por difundir imaxes non borrosas dun policía ou dun militar. A norma contou con 388 votos a favor: A República en marcha (LRM, en francés), de Macron; Os Republicanos, que fundou Sarkozy; e Agrupación Nacional, da ultradereitista Marie Le Pen; e 104 en contra.

E na quinta feira, o xornalista de Loopsider David Perrotin publicaba o vídeo da malleira de tres axentes de policía a un produtor musical negro, Michel Zecler, asemade recibía insultos racistas.

Lei Mordaza

Con estes vimbios chegouse á xornada do sábado, cando estaban convocadas manifestacións por toda Francia para, especificamente, protestar contra a Lei de Seguridade Global ─a 'Lei Mordaza' gala─; mais co resto de incidentes moi presentes. Polo menos 133.000 persoas, segundo cifras do Ministerio do Interior, e 500.000, segundo a organización, acudiron ás citas.

Nalgunhas marchas, nomeadamente na de París e na de Lyon, producíronse enfrontamentos entre algúns dos manifestantes e as forzas de seguridade, informou Le Monde. Un total de 62 persoas resultaron feridas e 81, detidas. Un xornalista da axencia France-Presse (AFP) constatou que un fotógrafo independente de orixe siria, colaborador de Polka e da propia AFP, Ameer Al-Halbi, fora golpeado na cara cunha porra durante unha carga policial. "Vinme de novo na ambulancia de Alepo", declarou o fotógrafo de 23 anos ao xornal Liberation. Phil Chetwynd, director de noticias de AFP, exixiu unha investigación policial.

Entre os concentrados nas marchas, ademais de líderes de formacións políticas da esquerda e dos sindicatos, e representantes públicos como o alcalde de Bordeos, había numerosos profesionais do periodismo, que denunciaron o ataque contra a liberdade de prensa que consideran que supón a norma. 

Paso político e xudicial

Nun momento convulso como o actual, os grupos da maioría parlamentaria, que aprobaron a polémica lei, víronse finalmente forzados a rebaixar a tensión. Hoxe pola tarde, despois dunha reunión dos líderes destes grupos no Palacio do Elíseo, o xefe de LRM na Asemblea, Christophe Castaner, anunciou en conferencia de prensa unha nova redacción do artigo 24. "Non é nin unha retirada nin unha suspensión, senón unha reescritura total do texto", manifestou. 

Porén, fican outros aspectos polémicos, tal e como explica Vie Publique, o portal de información do Goberno francés sobre os proxectos de lei. Por exemplo, a posibilidade de que os delegados rexionais contraten seguridade privada: "O prefecto poderá encomendar a axentes privados misións de vixilancia contra actos de terrorismo". A necesidade arguméntase "no contexto da preparación de grandes eventos como a Copa do Mundo de Rugby en 2023 e os Xogos Olímpicos de 2024 ".

E na madrugada do domingo a hoxe informábase de que os catro policías implicados na agresión a Michel Zecler foran procesados. Tres por "violencia intencionada por persoa depositaria do poder público" e "falsificación en escritura pública".

Un cuarto axente, sospeitoso de lanzar un bote de gas lacrimóxeno no estudo, tamén foi acusado de "violencia deliberada por persoa depositaria do poder público" contra Zecler e contra as outras nove persoas que estaban no lugar, informou a Fiscalía de París.

Francia prohibe, con polémica, discriminar en base ao acento, "unha forma de racismo"

A Asemblea Nacional aprobou por ampla maioría incluír o acento como forma de discriminación á altura do racismo, con multas de até 45.000 euros e penas de tres anos de cárcere. "Nun tempo en que as minorías 'visíbeis' se benefician da lexítima atención das autoridades públicas, as minorías 'audíbeis' son as principais esquecidas do contrato social baseado na igualdade", argumentou o macronista Christophe Euzet, impulsor da proposta. Outras deputadas, como Maina Sage, da Polinesia francesa, ou Patricia Mirallès, filla de magrebís e tamén macronista, falaron das dificultades e das mofas que a xente con acentos de fóra da Francia metropolitana sofre.

Porén, Jean Lassalle, deputado de Liberdades e Territorios, grupo en que se inclúe a coalición nacionalista corsa Pè a Corsica, votou en contra do proxecto de lei. "Non estou a suplicar caridade, non estou a pedir ser protexido por ser quen son", afirmou marcando o seu sotaque do sur.

O líder de Francia Insumisa, Jean-Luc Mélenchon, fixo mofa recentemente dun xornalista polo seu acento de Toulousse.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios