Lea política polo desaloxo dun campo de migrantes en París

A Fiscalía de París anunciou tamén a apertura dunha investigación por suposta "violencia" cometida por unha "persoa depositaria da autoridade pública", segundo Franceinfo.

place_republique_utopia56
photo_camera Activistas fixeron un cordón ante a policía na Praza da República. (Foto: Utopia 56)

O desaloxo policial dun campamento de migrantes no centro de París xerou "feitos inaceptábeis", en palabras do ministro do Interior galo, Gérald Darmanin, que respondeu ás críticas derivadas da violencia solicitando a intervención da Inspección Xeral da Policía Nacional (IGPN, en francés, a unidade de asuntos internos) . 

Un grupo de varios centos de migrantes acampara na Praza da República, segundo organizacións de axuda, co fin de denunciar o desamparo en que se atopan tras ser desaloxados a semana pasada doutro campamento erixido xunto ao Estadio de Francia, ao norte de París.

A negativa dos acampados a abandonar a praza, así como a intervención de activistas que exixían respecto aos seus dereitos, derivou nun choque coas forzas de seguridade que deixou imaxes "impactantes", segundo o ministro. Ademais de abusos contra refuxiados, tamén houbo ataques contra xornalistas.

Darmanin explicou en Twitter que a Prefectura da Policía, tras analizar o ocorrido, propuxo a intervención da IGPN, tendo en conta "varios feitos inaceptábeis". O ministro espera coñecer as conclusións da investigación interna no prazo de 48 horas e prometeu facelas públicas.

A Fiscalía de París anunciou tamén a apertura dunha investigación por suposta "violencia" cometida por unha "persoa depositaria da autoridade pública", segundo Franceinfo.

A alcaldesa da capital, Anne Hidalgo, remitiu unha carta ao ministro do Interior para expresarlle a súa "firme condena" polas "intervencións policiais especialmente brutais e impactantes contra refuxiados". Así mesmo, lamentou que neste "episodio inadmisíbel" non se tivese en conta dar albergue posteriormente ás persoas vulnerábeis.

'Lei Mordaza'

A polémica precede á votación que terá lugar na Asemblea Nacional sobre a Lei de Seguridade Global, un controvertido proxecto impulsado polo Goberno de Emmanuel Macron, similar á norma española coñecida popularmente como "Lei Mordaza". 

Se a esquerda política condenou o desaloxo, a ultradereita, defendeuno. A líder de Agrupación Nacional, Marine Le Pen, preguntouse "de que serve unha lei para protexer os axentes de policía se son desautorizados colectivamente ante o menor incidente ou a menor provocación da extrema esquerda".

Comentarios