Francia

Macron afirma que "pasou o pico" das protestas, mais pide "cautela"

O Goberno cifra en 3.486 as persoas detidas.
Protesta en París lembrando a morte de Nahel. (Foto: Telmo Pinto / Zuma Press)
photo_camera Protesta en París lembrando a morte de Nahel. (Foto: Telmo Pinto / Zuma Press)

O presidente de Francia, Emmanuel Macron, asegurou esta terza feira que o "pico" das protestas desatadas pola morte dun mozo de 17 anos a mans dun policía na cidade gala de Nanterre "pasou", mais pediu "cautela".

Macron, que se reuniu esta terza con máis de 200 alcaldes e alcaldesas das cidades nas que se concentran as protestas, intentou tranquilizar os mandatarios que acudiron ao Elíseo indicando que "o pico pasou".

"Esta é a nosa maior prioridade, é o que todos buscamos", incidiu en relación cunha volta á normalidade tras uns episodios de revolta social que derivaron na detención de máis de 3.400 persoas na última semana, 200 máis das rexistradas na segunda feira.

Desta forma, o líder do Executivo francés trasladou aos alcaldes e alcaldesas "todo o seu apoio" e "recoñecemento" polas accións desenvoltas para atallar a situación nos últimos días.

Alén diso, o Ministerio de Transportes mantivo na pasada noite a restrición dos trens e dos autobuses a partir das 22 horas, ampliando unha hora máis o servizo. Mentres, Interior cifrou en 3.486 as persoas detidas e en 374 as procesadas.

Comentarios