López Miras repite como presidente de Murcia após abrir as portas do seu Goberno á ultradereita

O PP mantén grazas a un pacto de coalición con Vox unha rexión que goberna de forma ininterrompida desde 1995.
Fernando López Miras tomou posesión esta segunda feira como presidente da Rexión de Murcia. (Foto: Edu Botella / Europa Press)
photo_camera Fernando López Miras tomou posesión esta segunda feira como presidente da Rexión de Murcia. (Foto: Edu Botella / Europa Press)

Fernando López Miras tomou posesión esta segunda feira como presidente da Comunidade Autónoma, cargo que ostenta desde 2017, nunha primeira comparecencia na que salientou que "urxe traballar" para lograr a "protección" do Mar Menor, para "garantir" o transvasamento Texo-Segura e impulsar un Pacto Nacional da auga, así como para lograr un "xusto financiamento autonómico" e a mellora das infraestruturas. Tamén se propuxo "seguir avanzando no diálogo social", impulsar o acceso á vivenda e "protexer o patrimonio natural", á vez que expuxo como obxectivo "velar pola tranquilidade dos nosos maiores tantas veces apartados, en alcanzar máis pactos sociais", e "axudar a quen máis o necesitan".

Da mesma forma, fixo mención ao seu propósito de "mitigar os efectos da crise económica nas pequenas empresas e entre os autónomos" e de "protexer ás mulleres maltratadas que só desexan vivir en liberdade". Iso a pesar de manter o poder grazas un pacto con Vox que abre as portas do seu Goberno á formación de extrema dereita, logo de varios meses de infrutuosas negociacións e ante a inminente repetición electoral, pois os de Santiago Abascal puñan como condición indispensábel unha coalición. O PP gobernou Murcia ininterrompidamente desde 1995, ano no que rematou o último Executivo socialista.

Na súa terceira toma de posesión como xefe do Executivo autonómico, López Miras xurou cumprir fielmente as obrigas do cargo "con lealdade ao Rei" e "gardar e facer gardar" a Constitución e o Estatuto de autonomía da Rexión, nun acto decorrido na antiga igrexa de San Esteban, en Murcia, e que contou coa asistencia de diferentes autoridades, así como con representantes da sociedade de distintos ámbitos da Rexión. Non acudiron, porén, nin membros do Goberno español nin altos cargos do Partido Popular.

O acto deu comezo coa intervención da presidenta da Asemblea, Visitación Martínez, quen procedeu á lectura do decreto de nomeamento, lembrando que López Miras logrou a pasada quinta feira o apoio da maioría absoluta dos deputados que compoñen a Asemblea Rexional —grazas ao imprescindíbel 'si' de Vox—, tras a celebración do debate de investidura.

Durante a súa intervención, López Miras tivo palabras de recordo para o pobo marroquí, ao que trasladou o seu apoio nestes "duros momentos" por mor dos terremotos que tiveron lugar no país. No que atinxe ao seu programa de goberno, López Miras debullou algúns dos asuntos nos que vai traballar o seu Executivo "sen demora" durante esta lexislatura.

Desta forma, asegurou que non renunciará a "reclamar e esixir o que en xustiza correspóndenos" en temas que son de interese para que a Rexión de Murcia avance, como, por exemplo, o déficit hídrico, o infrafinanciamento autonómico, as infraestruturas ou a protección do medio ambiente. Neste senso, dixo ter claro que o político está "para servir á sociedade" e considerou que debe facelo "pegado á rúa, atento ás necesidades sociais, sen distancias nin filtros". "Traballar, traballar e traballar, de día e de noite, sen tregua", reiterou.

O presidente do Goberno murciano tamén apelou no seu discurso de investidura "ao entendemento, o consenso social e o acordo político" para facer da Rexión "un lugar de prosperidade e futuro para todos". Así, tendeu a súa man ao resto de forzas políticas para "conformar un proxecto dinamizador, buscando sempre maiorías, axuntando esforzos, avanzando e construíndo".

López Miras, que estivo arroupado por parte da sociedade civil de Murcia, afirmou que "a Rexión debe seguir crecendo, debe seguir cumprindo obxectivos sociais e económicos e debe ocupar o lugar que lle corresponde no Estado español". Por iso, apelou máis unha vez a unir esforzos e "alcanzar amplos acordos" para mellorar a vida dos cidadáns e cidadás murcianas.

Comentarios