Entrevista

Tomeu Martí, xornalista: "PP e Vox partillan o discurso de reducir o catalán ao mínimo"

Tomeu Martí i Florit é o director do 'Diari de Balears' e da emisora radiofónica 'Ona Mediterrània'. Entrevistámolo co gallo da súa visita ao país convidado pola Fundación Galiza Sempre e mais a Fundación Coppieters.
Tomeu Martí i Florit, no estudo de 'Ona Mediterrània'. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Tomeu Martí i Florit, no estudo de 'Ona Mediterrània'. (Foto: Nós Diario)

—O PP retornou ao Goberno das Illes Balears co apoio de Vox. Que significa isto no plano social?
As eleccións autonómicas, locais e a consells deron como resultado que PP e Vox dispoñen de maioría absoluta nas principais institucións das Illes Balears e un retroceso importante das formacións que gobernaron na pasada lexislatura. Os comicios locais e autonómicos desenvolvéronse nunha chave moi estatal, baixo consideracións de botar a Sánchez ou acabar co sanchismo, esquecendo cuestións moi importantes da axenda social e económica das Illes Balears.

Isto significa volver á dereita máis retrógrada, ao desenvolvemento máis brutal, após oito anos de xestión da esquerda, onde houbo contención á construción. Estamos diante da dereita máis extrema, negacionista do cambio climático, sen ningunha axenda social e onde se van primar os intereses económicos fronte aos intereses sociais.

—As primeiras medidas do novo Executivo van dirixidas contra a lingua catalá. Que esperan?
Temos a experiencia da lexislatura de 2011 a 2015, cando o Executivo presidido polo popular José Ramón Bauzá se dedicou a atacar o catalán en todos os ámbitos nos que se avanzara nos anos anteriores. Fechouse a televisión de Mallorca, elaborouse unha nova Lei da Función Pública, onde o catalán deixou de ser un requisito para o acceso á Administración e limitouse a ensinanza de catalán, en base a liberdade lingüística.

Nunha primeira consulta aos pais, 90% deles apostaron polo ensino en catalán para os seus fillo, nunha segunda a cifra chegou a 95% e, finalmente, o Goberno apostou polo modelo trilingüe, cun terzo dos contidos en catalán, outro terzo en español e un último terzo en inglés. A partir de aí, houbo mobilizacións moi masivas, como nunca antes se vira, e cunha folga indefinida de tres semanas no ensino. Ao final, perdeu Bauzá. Agora, tras estes resultados, van tentar recuperar a axenda de Bauzá, pois Vox ten o mesmo discurso de reducir o catalán ao mínimo e o PP unha liña similar, pero cunha estratexia máis sibilina. O obxectivo final, duns e doutros, é devolver o catalán á lingua familiar do franquismo. 

—Os resultados das estatais posibilitaron a chegada ao Congreso do Més per Mallorca en coalición con Sumar. Que valoración fai?
As locais e estatais xogáronse nunha chave estatal, pero curiosamente as eleccións xerais desenvolvéronse en chave de resposta ás primeiras políticas impulsadas polo PP e Vox. Teño un sentimento contraditorio a respecto dos resultados obtidos polo nacionalismo nas Illes Balears. Penso que é histórico que unha persoa de adscrición soberanista conseguira un escano no Congreso, pero non me gustaría que este éxito levase os dirixentes do Més a pensar en integrarse nun proxecto estatal. 

—Como analiza o papel chave que ten por diante ERC e Junts per Catalunya?
Son optimista porque aínda que estamos diante duns dos peores resultados en porcentaxe do independentismo deuse unha carambola que converteu o soberanismo en decisivo. Non teño claro que vai facer o independentismo catalán, pero gustaríame que mantivese uns mínimos de firmeza, que non se lle regale o voto a ninguén. O obxectivo do independentismo non é a estabilidade do Estado español, senón conseguir un Estado propio.

Comentarios