Catalunya

O Supremo conclúe a investigación por desobediencia contra Ponsatí e mándaa a xuízo

O xuíz Llarena sinala que, unha vez completado este trámite, non considera precisa ningunha indagación máis, polo que pon fin ás pescudas e elévaas á Sala do Penal, que será quen decida os próximos pasos.
Clara Ponsatí abandonando os xulgados esta segunda feira após ser detida de novo. (Foto: Lorena Sopêna / Europa Press)
photo_camera Clara Ponsatí abandonando os xulgados esta segunda feira após ser detida de novo. (Foto: Lorena Sopêna / Europa Press)

O instrutor da causa do procés, o maxistrado do Tribunal Supremo Pablo Llarena, vén de ditar auto de conclusión de sumario a respecto da ex conselleira catalá e eurodeputada de Junts Clara Ponsatí, á que atribúe un delito de desobediencia polo referendo do 1 de outubro, logo de que esta segunda feira se lle tomase declaración en Barcelona tras ser novamente detida.

O xuíz sinala que, unha vez completado este trámite, non considera precisa ningunha indagación máis, polo que pon fin ás pescudas e elévaas á Sala do Penal, que será quen decida os próximos pasos. Ponsatí foi detida na segunda feira despois de que ela mesma anunciase nas súas redes sociais que se atopaba en Barcelona, a pesar da orde de busca e captura nacional que paira sobre ela.

Llarena acordou que fose o Xulgado de Garda de Barcelona quen lle tomase declaración para comunicarlle o seu procesamento por desobediencia e poder continuar así o procedemento penal na súa contra. A ex conselleira acolleuse ao seu dereito a non declarar, tras o cal quedou en liberdade, tal e como dispuxera o instrutor do procés, malia que coa imposición de designar domicilio no Estado español para recibir notificacións xudiciais.

Segunda detención

Trátase da segunda vez que Ponsatí é detida en Barcelona por orde do Supremo. Xa o fora o pasado 28 de marzo e daquela fora posta en liberdade coa obriga de que acudise a declarar ante Llarena o 24 de abril, mais finalmente se ausentou alegando, primeiro, que tiña traballo na Eurocámara, e, segundo, que estaba amparada pola súa inmunidade como eurodeputada.

Tras este plantón, o instrutor volveu ditar orde de busca e captura nacional contra Ponsatí co obxectivo de comunicarlle o seu procesamento por un delito de desobediencia e continuar así o procedemento penal na súa contra, que até o pasado marzo estaba paralizado por atoparse en Bruxelas. Llarena resolveu que faltara á súa cita co Supremo "inxustificadamente", ao considerar que se podían buscar fórmulas para que comparecese mesmo desde Estrasburgo; mentres que a segunda cuestión exposta por Ponsatí contestouna o Tribunal Xeral da UE o pasado 5 de xullo ao levantar a inmunidade que retiñan preventivamente a ex conselleira, o tamén ex conselleiro Toni Comín e o ex presidente catalán Carles Puigdemont.

Desta forma, o tribunal achairou o camiño para que Llarena, previa petición dos fiscais do procés, poida reactivar as euroórdenes contra Puigdemont e Comín. Con todo, no caso de Ponsatí xa non é posíbel porque quedou procesada por un delito sen cárcere.

Delito sen cárcere

O horizonte penal de Ponsatí, de feito, despexouse após a entrada en vigor o 12 de xaneiro da reforma penal que derrogou a sedición e modificou a malversación, obrigando a Llarena a revisar o procesamento dos fuxidos do procés. Até ese momento, a ex conselleira estaba procesada por sedición, polo que a desaparición deste delito —penado con entre 10 e 15 anos de cárcere e inhabilitación— propiciou que o maxistrado o substituíse polo de desobediencia, castigado con multa de 3 a 12 meses e inhabilitación de 6 meses a 2 anos.

Malia que tanto Fiscalía como Avogacía do Estado solicitaron ao instrutor que sumase o novo delito de desordes públicas agravadas, con penas de 3 a 5 anos de cárcere e 6 a 8 de inhabilitación, Llarena descartouno. Así as cousas, fontes xurídicas consultadas indican, en declaracións á axencia Europa Press, que o camiño a percorrer por Ponsatí é similar ao que xa seguiron ante o Supremo a ex deputada da CUP no Parlament Anna Gabriel e a ex conselleira catalá Meritxell Serret. Tras regresar de Suíza e Bélxica, respectivamente, prestaron declaración ante Llarena e este deixounas libres para despois pór fin á investigación e avanzar a xuízo.

Comentarios