Zelenski urxe desde Bruxelas aos Estados da UE que envíen cazas a Kíiv

"Vin disposición a mandar apoio e armas necesarias, incluídos os avións de combate", salientou o presidente ucraíno.
No centro, Volodimir Zelenski e Charles Michel, canda outros líderes europeos. (Foto: Dario Pignatelli / EU Council / DPA)
photo_camera No centro, Volodimir Zelenski e Charles Michel, canda outros líderes europeos. (Foto: Dario Pignatelli / EU Council / DPA)

O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, estivo esta quinta feira en Bruxelas como parte da xira que comezou a cuarta feira en Londres, antes de dirixirse pola noite a París. Nunha intervención diante do Parlamento da Unión Europea (UE) e logo na cimeira de xefas e xefes de Estado e de Goberno da institución, reiterou a petición para que os países membros do bloque comunitario acepten enviar a Kíiv o armamento que solicita.

"Vin disposición a mandar apoio e armas necesarias, incluídos os avións de combate", salientou Zelenski, que percibiu "sinais positivos" neste sentido, declarou. Ao tempo, fixo un chamamento a intensificar as sancións unilaterais contra Rusia.

Arredor desta cuestión, a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, apuntou que nos próximos días presentará aos Estados membros a súa proposta para o 10º paquete de sancións, que agardou estean en marcha o 24 de febreiro, cando se fai un ano da invasión rusa.

Ao respecto da solicitude de cazas, o Reino Unido descartou a curto prazo esta posibilidade aínda coa disposición pública que transmitiu o primeiro ministro Rishi Sunak a debater esta cuestión.

Pola súa parte, Thomas Bach, presidente do Comité Olímpico Internacional, acusou Ucraína de difamar o organismo por manter que permitir a participación de deportistas rusos e belarusos nos Xogos Olímpicos é promover a invasión rusa.

No que atinxe á reportaxe do xornalista Seymour Hersh que defende que os Estados Unidos son responsábeis das explosións en setembro de 2022 nos gasodutos Nord Stream, que unen Rusia con Alemaña, Washington negou a súa participación no atentado, unha teoría apoiada polas ameazas estadounidenses de que non permitirían a inauguración da segunda fase do gasoduto, que dificultaba aínda máis a entrada do seu gas natural no mercado europeo.

Comentarios