Corinna Larsen alerta dos "centos de contas" que ten o emérito

A empresaria confesa que se sentiu "sorprendida" polo "regalo" de 65 millóns de Xoán Carlos I.
Corinna Larsen asegura que Xoaán Carlos I lle pediu casar (Imaxe: Europa Press)
photo_camera Corinna Larsen asegura que Xoaán Carlos I lle pediu casar (Imaxe: Europa Press)

"Haberá centos de contas noutras xurisdicións", dixo a empresaria Corinna Larsen en referencia ao rei emérito español, Xoán Carlos I de Borbón, nunha entrevista á cadea británica BBC.

A empresaria afirmou en relación aos 76 millóns de dólares (65 millóns de euros) que o que ex xefe do Estado español lle transferiu -e que están a ser investigados pola xustiza suíza- que foron un "recoñecemento" ao que ela significou para el pola relación que mantiveron entre 2004 e 2009.

Larsen engadiu na entrevista que o agora rei emérito lle chegou a pedir matrimonio. "O que me parece extraordinario é que estean a converter 40 anos de modus operandi dunha empresa familiar nun foco sobre unha persoa. E esa persoa son eu... porque haberá centos de contas noutras xurisdicións", subliñou Corinna Larsen. 

As manifestacións da empresaria prodúcense en plena investigación da Fiscalía do Tribunal Supremo ao redor do emérito por condutas sospeitosas de constituíren comisións ilegais e outros posíbeis delitos derivados como fraude á Facenda Pública ou branqueo de capitais. Larsen foi imputada polo xuíz da Audiencia Nacional Manuel García Castelló dentro dunha das pezas do coñecido como 'caso Tándem' en relación co contido dunhas conversas que mantivo en Londres co comisario xubilado e encarcerado José Manuel Villarejo, feitos polos que foi citada para o próximo 8 de setembro. Investígase se contratou os servizos do comisario para investigar unha das súas asistentes en España.

Moi sorprendida

En canto á doazón de 65 millóns, Larsen recoñece á BBC que estaba moi sorprendida "porque obviamente é un agasallo enormemente xeneroso". "Direi, con todo, que tivemos conversas en 2011 sobre o seu desexo de xestionar o seu testamento en vida. Empezou a falar sobre a súa morte e o que quería deixar", explicou, para engadir que tamén quería ocuparse dela aínda que non discutiron cantidades, e que lle preocupaba que a súa familia "non respectase a súa vontade".

Na entrevista, Larsen insiste en que o rei non tentaba lavar o diñeiro ao darllo a ela, mesmo a pesar de que en 2014 o emérito lle pediu que lle devolvese os cartos. "En 2014 fixo intentos desesperados para que volvese con el. En certo momento deuse conta de que non ía voltar e púxose completamente furioso. Pediu que lle devolvese todo. Coido que foi só un enfado". dixo. 

Comentarios