O land alemán de Schleswig-Holstein valora declarar oficiais as 3 linguas minorizadas que se falan no territorio

O estado federado xermano estuda facer co-oficiais tres idiomas propios que se falan nesa zona: o frisón, o danés e o baixo-alemán. 

Schleswig-Holstein

Schleswig-Holstein é un dos 16 estados federados (land ou länder) que compoñen Alemaña. Con tres millóns de habitantes, este territorio ten pasado por diversas vicisitudes ao longo da súa historia. Anexionado por Dinamarca en 1815, isto deu lugar a revoltas e rebelións e a un conflito con intervención de Austria e Prusia, baixo o control da cal fica en 1866.

O goberno do land estuda declarar oficiais as tres linguas propias e minorizadas do territorio, informan desde o dixital Nationalia: o baixo-alemán, o frisón setentrional e o danés. Así o expresou a comisionada para as Minorías de Schleswig-Holstein, Renate Schanack, e o voceiro do ministerio do Interior. O executivo está conformado por unha coligazón formada por social-demócratas (SDP), verdes (Die Grünen) e un partido da minoría frisoa e danesa (SSW).

O frisón fálano 10.000 persoas dese estado e o danés unhas 50.000. O 27% da poboación de Schleswig-Holstein sabe falar o baixo-alemán

A constitución de Schleswig-Holstein (Sleswig-Holsteen en baixo alemán; Slaswik-Holstiinj en frisón, e Slesvig-Holsten en danés) recoñece a existencia das minorías danesa, frisoa e cigana, e establece que o estado federal ten que “protexer e promover” o baixo alemán.

Falantes

Entre nove e dez mil habitantes deste land alemán falan o frisón, segundo dados da Universidade de Laval, concentrados nunha estreitiña franxa costeira e nas illas máis próximas. O danés ten por volta de 50.000 falantes, concentrados principalmente ao longo da fronteira de Slesvig-Holsten con Dinamarca e moi especialmente na cidade de Flensburg.

O baixo alemán, un idioma diferente do alemán, fálase non só neste lander, mais tamén noutros estados federais adxacentes, se ben circunscrito a aquelas zonas máis rurais. Unha enquisa de 2007 cifraba nun 27% a poboación de Schleswig-Holstein que sabe falar esta lingua, por volta dunhas 700.000 persoas. Mais en 1984 a cifra de persoas que dicían saber baixo alemán era o 47%.

Comentarios