Kiev envía forzas armadas ao leste de Ucraína para sufocar a revolta pro-rusa

Cruces de disparos na cidade de Slavianks deixan varios feridos e polo menos dous mortos. O goberno ucraíno fala de 'operación ati-terrorista' mentres que Moscú advirte que protexerá á comunidade rusa. Manifestantes pro-Rusia ocupan máis un concello, o de Mariupol.

tanque ucraina
photo_camera @guaitafran

Varias unidades das forzas armadas ucraínas están en Donetsk para recuperar os edificios ocupados por pro-rusos e sufocar o xérmolo de revolta que se estaba a producir neste territorio, que hai uns días se autoproclamou República Popular. Kiev fala dunha operación 'anti-terrorista' e pide aos civís de Donetsk que non saian á rúa mentres esta non finalice.

En varios barrios da cidade de Slavianks houbo intercambio de disparos e xa habería, segundo as axencias, un mínimo de dous mortos: un oficial ucraíno e un activista pro-ruso. Tamén hai un número aínda indeterminado de feridos.

Nas últimas horas houbo ocupacións de novos edificios gobernamentais por parte de activistas pro-rusos. O envío de tropas ucraínas a esas zonas non fai máis que incrementar a tensión. En accesos a Slaviansk, manifestantes prenderon lume a barricadas de neumáticos.

Grupos paramilitares fascistas

Segundo axencias rusas, grupos paramilitares de neofascistas ucraínos chegaron nas últimas horas a Slaviansk, onde xa atacaron a activistas e a manifestantes pro-rusos 

Tanto Estados Unidos como a OTAN sinalaron a Rusia como responsábel última do que está a suceder en Ucraína. 

Comentarios