Italia di ter detido o capitán da embarcación naufragada en Lampedusa

A UE anuncia un plan de 10 medidas coas que reforzar a operación de vixianza en augas do Mediterráneo e combater as organizacións que trasladan @s migrantes. 

europa

Segundo comunicou o ministro do Interior italiano, Angelino Alfano, dúas persoas terían sido detidas no porto siciliano de Catania de entre @s superviventes do naufraxio dunha embarcación con 950 persoas a bordo perto da illa de Lampedusa. Entre elas, atoparíase o capitan e impútanselles delitos de homicidio múltiple, naufraxio e instigación á migración clandestina. Trátase, segundo o goberno italiano, dunha persoa tunecina e outra siria. 

Os arrestos producíronse após a chegada de 28 superviventes a Catania. Tamén foron resgatados 24 cadáveres. 

Doutra banda, xornada de onte decorreu en Luxemburgo unha xuntanza d@s responsábeis de Exteriores e Interior da Unión Europea para abordar a crise humana que tornou o Mar Mediterráneo nun cemiterio no que faleceron máis dun milleiro de persoas nos últimos días. 

No conclave os 28 Estados membros acordaron unha batería de 10 medidas urxentes dirixidas a frear a cifra de mortes. Neste senso, incrementarán os fondos destinados aos programas de vixianza fronteiriza, Tritón e Poseidón, mais sen concretar canto. Aliás, extenderá a área operativa para alén da costa italiana unha iniciativa que será debatida esta quinta feira nunha nova cimeira. 

A UE rexeita abrir vías legais de entrada para as persoas que fuxen dos conflitos armados, a fame ou a persecución política

Destarte, tamén se abordará o financiamento de labores de vixianza e salvamento de Túnez E Exipto para evitar a saída masiva de embarcacións. No entanto, esta proposta é criticada polas organizacións internacionais de dereitos humanos ao denunciaren que os sistemas de asilo nestes países non garante o respecto dos dereitos das persoas que sexan interceptadas. 

A UE tamén estuda o desenvolvemento dun plan de reubicación de migrantes que @s distribúa entre os Estados membros e traballar nun mecanismo de repatriación máis rápido que o actual. 

Porén, non valora a abertura de canles legais para permitir a entrada de persoas perseguidas por razóns políticas ou que fuxen de conflitos armados como o libio ou o sirio. 

Comentarios