mércores 08/12/21

Israel, a silandeira fábrica internacional de armas

O American Friends Service Committee, a prestixiosa ONG asociada á comunidade relixiosa dos cuáqueros, acaba de lanzar unha web onde recompila información exhaustiva acerca das exportacións de armas de Israel. Datos que nin o Goberno, nin as empresas, nin os clientes cun turbio historial queren que sexan públicos.
EuropaPress_2488135_handout_14_november_2019_israel_israeli_prime_minister_benjamin_netanyahu
Netanyahu visita unha batería de mísiles na fronteira con Gaza (Foto: Amos Ben-Gershom / GPO)

"Se os Gobernos actúan de forma predicíbel e transparente ─tamén sobre o seu comercio de armas─ a confianza medra entre eles. Axuda a previr o conflito". Así se presenta o Rexistro de Armas Convencionais da ONU (Unroca), ferramenta creada en 1991 onde os Estados "poden" presentar informes das súas transferencias armamentísticas. Contempla sete categorías, entre as que están carros de combate, helicópteros de asalto ou barcos de guerra, as consideradas "armas convencionais".

O Unroca, porén, dadas as súas características de voluntariedade e boa vontade, dista moito de ser fidedigno. Mais combinados este rexistro con outras fontes permiten contar cunha fotografía máis clara do que acontece no ámbito do mercado de armas no mundo. 

Por exemplo, segundo o Sipri, o Instituto Internacional de Estudos para a Paz de Estocolmo (organismo de referencia a nivel mundial na análise de conflitos), entre 2015 e 2019 os maiores exportadores de armas foron, por esta orde, EUA, Rusia, Francia, Alemaña e China. Os datos achegados polo Sipri salientan que durante este período se incrementou especialmente o fluxo de armas a Oriente Próximo, sendo Arabia Saudí o principal importador. Tamén reflicten outro dato: Israel, na última década, incrementou as exportacións en 77%, alcanzando o seu nivel máis alto de sempre e permitíndolle entrar no Top 10 dos países provedores de armas.

Clientes anónimos

No entanto, o Estado israelí é un vello coñecido neste mercado. Oficialmente, desde a súa constitución a mediados do século XX até a actualidade, exportou armas a uns 130 países. Porén é só grazas a organismos independentes internacionais que se coñece a lista de compradores, xa que Israel ─fóra do Unroca─ non ofrece información pública sobre este asunto. De feito, trata de ocultala a toda costa. Así, por exemplo, entre a súa clientela das últimas décadas están a Suráfrica do apartheid (1948-1992) ou a Arxentina da Junta Militar (1976-1983).

Máis recentemente, Israel vendeu armas, entre outros, á xunta militar de Myanmar ─previo ao breve período democrático que o recente golpe de estado cernou─; ou a Gobernos coñecidos internacionalmente polo constante incumprimento dos dereitos humanos como Arabia Saudí. Este e outros países fixéronse tamén con tecnoloxía de espionaxe utilizada contra disidentes, opositores ou xornalistas. En 2015, unha proposta do esquerdista Meretz para restrinxir a venda de armas a países que violan os dereitos humanos, porén, non prosperou.

Israel nin o admite nin o nega, mais é universalmente asumido que conta cun arsenal nuclear. Este lendario secretismo tamén se dá a respecto das armas convencionais. A boiante industria armamentística israelí conta co amparo do Goberno, que fai da confidencialidade bandeira e ampárase na lexislación para non dar datos. Así, as empresas ocultan os compradores nos comunicados baixo referencias xenéricas como "un país de Europa". 

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

O pasado 1 de febreiro, Israel Aerospace Industries (IAI) anunciou unha venda por valor de 100 millóns de dólares "á Mariña dun país en Asia" de drons IAI Harop. Coñecidos como "drons suicidas", o uso deste sistema militar foi decisivo ─e controvertido─ na vitoria de Acerbaixán sobre Armenia no conflito en Nagorno Karabakh.

Arsenal contra a disidencia

Co fin de descifrar, destripar e desenmascarar os contratos e os países receptores, acaba de ser lanzada unha web que recompila información detallada sobre o comercio de armas de Israel desde o ano 2000. Dimse (acrónimo en inglés de Base de datos das Exportacións do Exército e da Seguridade Israelís) é o seu nome, e American Friends Service Committee é a súa responsábel.

Esta ONG, galardoada co Nobel da Paz en 1947 e asociada á Sociedade Relixiosa dos Amigos (a comunidade relixiosa focalizada no pacifismo coñecida popularmente como "cuáqueros"),  denuncia que malia ser un dos principais exportadores mundiais, Israel "non informa regularmente" ao Unroca e "non ratifica o Tratado de Comercio de Armas", que regula a actividade internacionalmente.

É por iso que considera necesario facer facilmente accesíbel ao público estes datos. Dimse utiliza información "aberta e de fontes públicas", "verificada" por organismos acreditados como Unroca e Sipri ou "contrastada a través de múltiples fontes fiábeis". Tamén usa os comunicados de prensa que emiten as empresas armamentísticas e información dos posíbeis países compradores. 

Ademais, a web ofrece contexto sobre as relacións políticas e militares destes Estados con Israel, a situación alí dos dereitos humanos, e como o armamento israelí é utilizado para violalos. Por exemplo, nos EUA é usado para controlar fronteiras e protestas, alén de en numerosas guerras; na China, para o desenvolvemento de cámaras de recoñecemento facial usadas en Hong Kong; ou no Brasil, para o desenvolvemento do dron Caçador. E o programa informático espía israelí Pegasus é ou foi usado na India, Marrocos ou México para vixiar e controlar xornalistas, ou en España, os políticos independentistas cataláns.

Palestina, laboratorio de probas do arsenal

Entre os principais compradores de armamento israelí nos últimos anos están a India, Acerbaixán, os Estados Unidos e o Vietnam. Tamén Arabia Saudí, que é o maior importador de armas do mundo. Ademais, ─segundo datos so Sipri─ os mercados aos que máis acudiu Israel entre 2015 e 2019 foron os EUA (78%), Alemaña (16%) e Italia (6,2%). A web Dimse sitúa España como o 17º principal importador de armas israelís.

Parte deste arsenal que as compañías armamentísticas de Israel distribúen ao mundo próbase primeiro nos territorios ocupados de Palestina polo Exército. O documental de 2013 The Lab ("O laboratorio") explora como desde os atentados do 11 de setembro de 2001 nos EUA, a ocupación militar de Gaza e Cisxordania pasou de ser unha carga a se tornar nun valioso e produtivo activo para a economía israelí.

Israel, a silandeira fábrica internacional de armas
comentarios