Israel inicia as represalias contra Palestina

O executivo sinonista anunciou a aprobación de novas medidas de presión contra os territorios ocupados após o recoñecemento de Palestina como estado observador polas Nacións Unidas. O ministro de Finanzas israelí asegurou que confiscará os impostos do pobo palestino e que expandirá as colonias.
Yuval Steinitz, ministro israelí de Finanzas
photo_camera Yuval Steinitz, ministro israelí de Finanzas

Pouco menos dunha semana tardou o goberno de Tel Aviv en anunciar as represalias que iniciará contra Palestina após ser recoñecida como estado observador na ONU. Benjamin Netayahu xa asegurara a pasada quinta feira que o seu executivo non recoñecía a decisión adoptada pola Asemblea Xeral e pouco despois anunciaba que expandiría a construción de tres mil novas colonias nos territorios ocupados de Cisxordania e Xerusalén leste.

A decisión foi presentada como "resposta" perante o recoñecemento dun outro estatus para Palestina. Porén, o executivo israelí anunciou o domingo (2 de decembro) a través do seu ministro de Finanzas, Yuval Steinitz, que non transferirá os 93 millóns de euros que compoñen as receitas fiscais palestinas. Neste sentido, Steinitz afirmou que empregaría ese diñeiro para "pagar as débedas da autonidade nacional palestina" 700 millóns de shékels (141 millóns de euros) contraídas supostamente coa empresa de electricidade israelí.

Israel construirá 3.000 novas colonias en Cisxordania e Xerusalén leste

Os 93 millóns de euros proveñen dos impostos e taxas que gravan todos os produtos que entran en territorio palestino e daqueles que gravan o rendemento d@s palestin@s que traballan en Israel. Este mecanismo foi estabelecido polos Acordos de Paris (1995) e de Oslo (1993) e o montante final representa máis da metade do orzamento con que conta o goberno palestino. A decisión do goberno sionista pon máis un pao na roda da feble economía palestina e retrasará os pagamentos d@s traballadoras e traballadores da función pública en Cisxordania e Gaza.

Ao igual que acontecera cando a UNESCO recoñeceu a entrada de Palestina, Israel conxelará os pagamentos como medida de presión, incorrendo en máis unha vulneración do ordenamento xurídico internacional que impide a adopción de represalias de tipo económico, comercial, financeiro ou militar.

Comentarios