Israel ataca o Líbano e asasina catro integrantes de Hezbolá

A portavoz asociada do secretario xeral da ONU, Florencia Soto Niño, mostrou tamén a súa preocupación. "Os acontecementos son sumamente preocupantes".
Cascallos orixinados polo ataque israelí sobre Beirut (Foto: Marwan Naamnai / dpa).
photo_camera Cascallos orixinados polo ataque israelí sobre Beirut (Foto: Marwan Naamnai / dpa).

O partido-milicia chiíta libanés Hezbolá confirmou onte a morte de catro dos seus integrantes nun ataque executado a última hora da pasada cuarta feira polo Exército de Israel contra o sur de Líbano. Hezbolá asegurou que o ataque de Israel "non ficará sen resposta nin castigo". 

O secretario xeral da formación, Hasán Nasralá, cualificou de "flagrante agresión israelí" o ataque executado na terza feira na capital, Beirut, no que morreu o "número dous" de Hamás, Salé al Arouri, xunto con outros seis integrantes de Hamás. Ante a posibilidade de que o conflito de intensifique na fronteira, o Goberno de Líbano confirmou que está mantendo contactos con Hezbolá.. 

A portavoz asociada do secretario xeral da ONU, Florencia Soto Niño, mostrou tamén a súa preocupación. "Os acontecementos son sumamente preocupantes. E creo que isto realmente resalta o que acaba de dicir o secretario xeral [da ONU,  António Guterres] sobre os perigos de que este conflito se estenda a toda a rexión", explicou Soto Niño durante unha rolda de prensa. 

22.400 mortes

O Ministerio de Sanidade da Faixa de Gaza ten xa constancia de máis de 22.400 mortes desde o inicio hai case tres meses do asedio militar israelí sobre o territorio palestino, segundo un novo balance que identifica que 70%  das vítimas corresponden a mulleres e crianzas. En concreto, as autoridades gazatís elevaron o reconto de falecidos a 22.438, con 125 mortes máis entre a cuarta e a quinta feira.

A cifra de feridos, pola súa parte, ascende a 57.614, segundo a información facilitada polo Ministerio. O Goberno de Gaza denunciou de maneira particular os ataques sobre infraestruturas e persoal sanitario, con 326 traballadoras falecidas desde o 7 de outubro. Estiman que 150 instalacións foron atacadas de maneira deliberada.

Comentarios