Israel asasina unha crianza nun campo de refuxiad@s durante a tregua

O Tashal continua coa ofensiva na cidade de Rafah, ao sur de Gaza, onde asasinou onte a máis de 70 persoas, nove delas nunha escola da ONU.

O cesamento ao fogo podería durar 7 horas (a partir das 10.00 a.m. hora local) e foi anunciado por Israel argüíndo "razóns humanitarias".

A decisión adoptada polo goberno sionista prodúcese após rachar Israel a tregua de 72 horas acordada na pasada sexta feira, endurecer a ofensiva no sur da Faixa e asasinar a máis de 70 persoas nun ataque dirixido contra unha escola das Nacións Unidas que foi condenado como un "acto criminal". 

Unha crianza asasinada

Poucas horas despois de anunciar a tregua, Israel asasinou unha crianza no campo de refuxiad@s de Shati, segundo informou o Ministerio de Sanidade da Faixa. A nena resultou abatida após un ataque á morada familiar, onde outras 30 persoas resultaron feridas. 

Tamén se notificou un bombardeo no campo de Nusseirat, no centro de Gaza.

Na cidade de Rafah --próxima á fronteira con Exipto-- o alto ao fogo non terá efecto. Tel Aviv advertiu que continuará coas hostilidades neste punto. "A fiestra humanitaria", como a definen as autoridades israelitas, "non será aplicábel naquelas áreas nas que actualmente está actuando o exército". 

Representantes da OLP e Hamas viaxaron até Exipto para participar nas negociacións mais ningún dirixente israelita se atopa no Cairo

Nas últimas horas, o goberno israelita comezou a repregar as forzas militares do norte de Gaza ficando unicamente blindados e soldados de infantería no sur. Algúns medios de comunicación apuntan cara á un hipotético remate da operación 'Bordo Protector' que deixa tras de si máis de 1.800 persoas asasinadas e máis de 9.500 feridas. 

Así as cousas, ningunha fonte oficial apunta polo de agora neste sentido e mesmo o primeiro ministro, Benjamin Netanyahu, afirmou esta fin de semana que as agresións contra Gaza continuarán. 

De feito, ningún representante do goberno sionista se atopa na cidade do Cairo a onde si chegaron representantes da resistencia palestina nunha delegación encabezada pola OLP e Hamas.  Desde Exipto, o portavoz de Hamas tildou o cesamento ao fogo anunciado por Israel como un "intento por desviar a atención dos seus masacres".

Comentarios