Irán confirma máis de 300 falecementos nas protestas pola morte de Mahsa Amini

Ebrahim Raisi, presidente de Irán,a terza feira xunta Mohamed Al Sudani, primeiro ministro iraquí. (Foto: Iranian Presidency / dpa)
Outras fontes elevan as mortes ratificadas polas autoridades iranianas a máis de 400 desde setembro, cando as protestas superan os dous meses e afectan cada día a máis sectores. Pola contra, Irán destaca que se trata dunha guerra híbrida na súa contra lanzada polas potencias occidentais.

“Máis de 300 persoas morreron e caeron mártires durante estes dous meses por non recoñecer o inimigo”, asegurou a terza feira Amir Ali Hayizade, comandante da Forza Aérea da Garda Revolucionaria iraniana.

Esta é a primeira cifra oficial ofrecida por un alto cargo institucional iraniano, na que non distinguen participantes nas protestas de policías. A pesar diso, a entidade non gobernamental Iran Human Rights, con sede en Oslo (Noruega), constata 410 falecementos pola represión das protestas, e a iraniana Axencia de Noticias de Activistas polos Dereitos Humanos fala de 451 óbitos entre os manifestantes e 60 entre as forzas de seguridade, amais de arredor de 17.000 persoas detidas.

“A todos nos afectou a morte da señora [Mahsa] Amini”, incidiu en declaracións recollidas por Hamshahri, apuntando que iso non xustifica permitir que o “inimigo actúe ás agachadas enviando armas e realizando asasinatos”, no que definiu como “guerra cognitiva” baseada nunha falsa narrativa dos Estados Unidos (EUA), Reino Unido, Arabia Saudita e Israel.

Aínda que as protestas están a acontecer na meirande parte do país, os principais focos están no Kurdistán e en Baluchistán, que tamén concentran boa parte das mortes. Nestes territorios, cunha historia de loita -incluída a armada- para conseguir o dereito de autodeterminación, as principais organizacións políticas, o Partido Democrático do Kurdistán iraniano, Komala ou o Partido Popular de Baluchistán, subliñan que están a combater contra a República Islámica e a actual configuración do Estado, ao que hai que engadir as demandas polos dereitos das mulleres.

Morte de Amini

O 13 de setembro, Mahsa Amini, de 22 anos e natural de Saqez, no Kurdistán iraniano, atopábase en Teherán coa súa familia cando foi detida pola Policía iraniana, que a acusou de non levar o velo colocado conforme á lei e usar pantalóns axustados, recoñeceu Hossein Rahimi, un dos xefes das forzas de seguridade, a Al Jazeera.

Dúas horas despois era trasladada a un hospital desde a comisaría, onde os médicos confirmaron á familia que sufrira un infarto e un derrame cerebral que a levaron ao estado de coma. O 16 de setembro falecía no centro médico da capital.

Durante a súa detención, testemuñas citadas por Al Arabiya e Iran Wide sosteñen que foi golpeada polos policías durante o tempo de catividade, extremo confirmado pola familia, que denunciou a presenza de múltiples marcas de golpes no seu corpo.

Pola súa parte, as autoridades iranianas negan que fora golpeada, e deixaron entrever que sufría unha condición médica previa, chegando a publicar un vídeo da comisaría onde se pode ver como Amini se desmaia, que os seus familiares cualificaron de “editado”.

Pouco despois de confirmarse a súa morte, xurdiron protestas en Teherán e Saqez que se estenderon rapidamente polas cidades do Kurdistán.

O 20 de setembro, as protestas xa chegaran a 16 das 31 provincias de Irán, antes de estenderse por boa parte das urbes e acabando por chegar ás universidades, con folgas nas fábricas de automóbiles e de aceiro, ás que se sumou esta fin de semana o sindicato de camioneiros, sostén Iran Internacional.

Asemade, hai reportes de que, durante unha convocatoria de tres días de folga a mediados de novembro tamén fecharon as súas portas os comerciantes do Gran Bazar de Teherán. Incluso os líderes sunnitas, sobre todo no Kurdistán, criticaron a represión e avalaron as aspiracións populares, recolle Rudaw

A resposta de Irán

Ademais de denunciar que se trata dunha guerra híbrida das potencias occidentais -informando de que membros da Intelixencia dos EUA foron detidos-, o Executivo que dirixe Ebrahim Raisi acusa as formacións kurdas de organizar as protestas, polo que aumentou a presenza militar no territorio e lanzou unha vaga de ataques contra o Kurdistán iraquí, onde se asentan as bases destas forzas.

Malia que nun primeiro momento multiplicáronse os chamamentos á calma, a persistencia das mobilizacións endureceu a resposta oficial.

O Alto comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, Volker Türk, asegurou que cando menos seis persoas están condenadas a morte pola súa participación nas protestas. Ademais, o organismo encabeza unha investigación para esclarecer se houbo violacións dos dereitos humanos.

Contexto rexional

Irán é o principal aliado en Asia Occidental de Rusia e a China, coas que impulsou unhas manobras militares a comezos deste ano. Ao tempo, mantén boas relacións co Iraq -que tamén ten maioría de poboación xiíta, unha das pólas do islam- e con Siria, sendo un dos socios clave de Hezbollah, no Líbano.

Este eixo está contraposto ao liderado polos Estados Unidos na zona con Israel e con Arabia Saudita, disposta a pactar con Tel Aviv para illar Irán.

A inimizade Washington-Teherán é anterior á revolución islámica de 1979 e nace despois de que os EUA dirixiran o derrocamento de Mohammad Mossadegh, primeiro ministro elixido democraticamente, en 1953 após intentar nacionalizar a industria petroleira, coa participación ademais do Reino Unido. Este golpe de Estado deu inicio á inestabilidade que levou ao triunfo dos aiatolás, o que non impediu que a tensión fose en aumento.

En 1979, estudantes iranianos asaltaron a embaixada dos EUA en Irán, mentres que un ano despois o país americano apoiou Bagdad na guerra contra Teherán. Xa en 1988, nos últimos compases do conflito, un buque de guerra estadounidense -en augas iranianas- derribou un voo comercial de Iran Air, matando 290 persoas.