Iraq, perto de rematar cun ano de bloqueo

O Marco de Coordinación anuncia a votación para o novo gabinete, rexeitado pola formación sadrista pola continuidade que representa.
Elena Romanowsky, embaixadora estadounidense en Bagdad, e Mohamed Shia al Sudani, primeiro ministro encargado iraquí, esta semana. (Foto: Ministerio de Exteriores do Iraq)
photo_camera Elena Romanowsky, embaixadora estadounidense en Bagdad, e Mohamed Shia al Sudani, primeiro ministro encargado iraquí, esta semana. (Foto: Ministerio de Exteriores do Iraq)

As principais forzas políticas con representación no parlamento do Iraq -tras a retirada do Movemento Sadrista en xuño polo bloqueo no que está sumido o país- fixeron público na madrugada da terza á cuarta feira o avance nas negociacións para a formación de Goberno tras unha longa reunión, na que fixaron o sábado como o día programado para que o lexislativo vote se aproba o novo gabinete.

Porén, algunhas formacións trasladaron despois aos medios locais que a votación pode adiarse até a vindeira segunda feira se as negociacións non acaban de definir nas próximas horas a todos os integrantes do novo Executivo.

Segundo revela Al-Mada, o acordo inclúe 23 ministerios, aos que poderían sumarse un ou dos máis en base ao decorrer das conversas. O líder do Partido Dawa, Jassim Muhammad Jaafar, desvelou que xa están pactados 12 ministerios para as forzas xiítas, 10 para as sunnitas e kurdas e un para as cristiás.

O voceiro do gabinete provisional, Hassan Nazim, indicou en Azzaman que o ex primeiro ministro, Mustafa al Kazemi, pediu aos parlamentares que apoien a Mohamed Shia al Sudani para ocupar o cargo, outorgándolle “liberdade de escoller o seu equipo de traballo”.

Al Sudani foi nomeado como primeiro ministro encargado polo presidente Abdulatif Rashid, elixido polos lexisladores a semana pasada, para tratar de formar un novo Goberno que ten que ser ratificado polo Consello de Representantes antes de 30 días.

Malia a marxe temporal coa que conta, os choques constantes entre os sadristas e o bloque de al Sudani, o Marco de Coordinación, levaron a este último a acelerar o proceso -e as cesións ao resto de forzas- prevendo unha reacción de Muqtada al Sadr, o líder sadrista e o político máis influínte do país, que instou os seus seguidores a efectuar varias ocupacións das institucións iraquís para frear a designación de al Sudani como primeiro ministro en xullo.

Arredor desa cuestión, o voceiro sadrista, Sali Mohamed al Iraqi, confirmou o “rexeitamento categórico, nítido e explícito” a un Executivo encabezado por al Sudani, reclamando que o país “non se converta en monicreque de plans internacionais, que as súas armas non caian en man ociosas e que o diñeiro da xente non caia en bancos e petos corruptos”, en referencia á polémica xerada no país polo roubo de 2.500 millóns de euros da Administración Pública, do que están acusados cinco altos cargos de Facenda.

Aínda que para contentar os sadristas nun primeiro intre as forzas da denominada “coalición de administración do Estado”, liderada polo Marco, reiteraron que procuraban conformar un Executivo de transición encargado de organizar uns comicios adiantados, responsábeis da agrupación empezan a abrir a porta a completar a lexislatura, argumentando que o programa de al Sudani precisa máis tempo para ser implementado.

O principal motivo do bloqueo político que comezou coas eleccións do 10 de outubro de 2021 foron as diferenzas no tipo de Goberno. Os sadristas, que se impuxeron no proceso con 73 dos 329 deputados, insistiron en que se acordase un Executivo con maioría parlamentar, mentres que o Marco negouse a calquera modificación do sistema aplicado desde a invasión dos Estados Unidos (EUA) en 2003, no que se forma un gabinete de consenso no que participan todas as formacións que o desexen.

Este modelo permite que partidos con pouca representación teñan unha grande influencia e garante o control das forzas pro Irán, sostén o Fikra Forum.

Os sadristas acusan al Sudani de someterse aos EUA e Irán

Al Sadr gañou popularidade en Iraq pola súa oposición á invasión dos EUA, que estende a calquera inxerencia estranxeira no país. Fontes próximas ao clérigo transmitiron que a designación de al Sudani é unha submisión aos intereses tanto de Washington como de Teherán, e reiteraron que o futuro de Iraq pasa pola defensa dos intereses nacionais sen inxerencias externas, polo que manteñen que os responsábeis da situación do país deben retirarse da política.

Comentarios