Sen noticias de Ana Baneira, a coruñesa detida no Irán após participar nas protestas

A moza de 24 anos está en paradoiro descoñecido, segundo denuncia a ONG HRANA, após participar nas mobilizacións cidadás pola morte de Masha Amini.
Protestas pola morte de Masha Amini, en Barcelona. (Foto: Davide Bonaldo / SOPA Images)
photo_camera Protestas pola morte de Masha Amini, en Barcelona. (Foto: Davide Bonaldo / SOPA Images)

A moza coruñesa de 24 anos Ana Baneira fica retida no Irán após ser detida e encarcerada polas forzas policiais no marco da crecente tensión no país e as protestas que veñen sucedéndose pola morte da activista kurda Masha Amini, de 22 anos.

Así o confirmou esta cuarta feira a Axencia de Noticias do Activismo polos Dereitos Humanos (HRANA, polas súas siglas en inglés). Canda ela foi detido o madrileño Santiago Sánchez Cogedor, que se dirixía a Qatar para seguir o Mundial de fútbol após visitar a tumba de Amini.

A Embaixada do Estado español no Irán confirmou nas últimas horas ambas as detencións e asegurou que está a seguir os dous casos "de perto", ao tempo que mantén as súas familias "puntualmente informadas" do decurso dos acontecementos.

No caso de Santiago Sánchez, un medio iraniano desvelou que a súa detención tivo lugar tras visitar a tumba de Amini en Saqez, no Kurdistán iraniano, mentres no caso de Ana Baneira HRANA só indicou que o seu arresto foi hai poucos días e que se descoñece o seu paradoiro actual.

Reaccións políticas

A noticia provocou múltiples reaccións da sociedade galega, que demanda a súa liberación. A corporación municipal do Concello da Coruña aprobou, por unanimidade, unha moción urxente na que insta o Ministerio de Exteriores a realizar "todas as xestións oportunas" para conseguir a súa liberación e trasladar o seu "apoio" a familiares e amizades.

Tamén a Universidade da Coruña (UDC) e mais o Consello Social exixiron esta quinta feira a liberación de Ana Baneira, así como forzas políticas como BNG, PP e PSdeG.

Comentarios