Interveñen a Casa da Galiza no Uruguai

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, xustifica esta resposta polo gran endeudamento da institución creada por emigrantes galegas para que poida continuar aberto o sanatorio. Na práctica, o Goberno do Estado tomará o control da institución mutual durante un prazo máximo dun ano.
O sanatorio da Casa da Galiza nunha imaxe de arquivo. (Foto: Casa da Galiza) #casadagaliza #uruguay
photo_camera O sanatorio da Casa da Galiza nunha imaxe de arquivo. (Foto: Casa da Galiza)

O Goberno uruguaio vén de ordenar a intervención pública do sanatorio da Casa da Galiza, creada polas e polos emigrantes galegos en 1917. A Administración pretende xestionar de forma directa a institución mutual médica "por un prazo máximo dun ano" para controlar o "alto nivel de endebedamento" e pór freo aos anos de perdas acumuladas malia as axudas públicas recibidas.

A entidade solicitara concurso de acredores e a súa directiva, que preside Alberto Iglesias, non escatimou en críticas cara á actitude gobernamental, co foco no ministro de Saúde, Daniel Salinas. De feito, esta intervención implica o desprazamento -é dicir, retirar dos seus cargos- das autoridades do sanatorio, onde estaba prevista unha xornada electoral o domingo.

Nun comunicado pendurado na súa propia páxina web, a directiva defende que asumiu a súa función en outubro de 2018 "nunha situación moi comprometida" cun endebedamento de máis de 64 millóns de dólares e cun patrimonio negativo de 7,7 millóns de dólares, o que levou a auditores independentes da entidade a "cuestionar o principio de empresa" da Casa da Galiza.

Aliás, subliñan tiña que atender no curto prazo obrigas salariais e de cargas sociais "sen ter recursos para honrar as obrigacións de referencia".

Tamén a directiva sostén que, a pesar de todo, realizou "inxentes esforzos" para transformar a institución e tratar de mellorar os seus resultados, incluíndo a realización dunha auditoría da xestión médica en febreiro de 2019 por parte da Consellaría de Sanidade da Xunta. Supostamente en virtude deste exame decorreron algúns cambios na institución mutual.

"Garantir a asistencia médica"

Pola súa banda, segundo recolle Europa Press, fontes do Ministerio de Saúde Pública de Uruguai defenden que a meta desta decisión é "garantir a debida asistencia médica dos usuarios da institución", así como adoptar "todas as medidas que estean ao seu alcance, para garantir a protección dos postos de traballo".

Engaden que, desde decembro do ano pasado, "está a realizarse un seguimento exhaustivo da institución", dada a súa preocupante situación económica-financeira; e que no últimos cinco anos a institución perdeu o 20% dos seus afiliados.

Tamén aclaran desde o departamento de Saúde que nos últimos seis exercicios consecutivos Casa da Galiza presentou un balance deficitario, o que "evidencia severos problemas de xestión".

"Presenta un alto nivel de endebedamento, que ascende a 76 millóns de dólares, superando catro veces a media de endebedamento por afiliado do sector", inciden as mesmas fontes.

Mesmo acoden á hemeroteca para lembrarlle á directiva que na última década déronlle facilidades de financiación até en dúas ocasións. No entanto, ese impulso económico -o último en decembro de 2019- "a institución non cumpriu a maior parte das metas propostas nos plans presentados".

Reaccións desde a Xunta

Preguntado por este suceso, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, asegurou esta sexta feira que o confía na palabra do presidente uruguaio, Luís Lacalle Pou, quen defendeu a vía elixida (a intervención temporal) para evitar unificar a Casa da Galiza con outros centros sanitarios.

"O Goberno uruguaio optou pola segunda opción e eu agradézoo, manter Casa da Galiza como hospital independente para proseguir a súa actividade como entidade asistencial para o futuro", rematou Feixoo, a pesar de que non é a primeira intervención da entidade.

Comentarios