domingo 23.02.2020
Nos dous últimos anos

Un informe da Generalitat cifra en 328 as agresións da ultradereita en Catalunya

O primeiro balanzo da Oficina de Drets Civils i Polítics da Generalitat de Catalunya cifra en 328 as agresións da ultradereita naquel país. Ademais, rexistra unha vintena de grupos activos.
 

Ultradereitistas. Foto: cedida.
Ultradereitistas. Foto: cedida.

O organismo, constituído polo Govern o pasado outubro, informa de que a maioría das actuacións dos extremistas de dereitas acontecen na área de Barcelona, 267 casos. Despois está Girona, 40, Tarragona, con 15, e Lleida, con seis. Os datos, segundo explica o xornal dixital El Nacional, recollen suceses desde xaneiro de 2017.

O documento da Oficina expón como os grupos de ultradereita se organizan “de xeito paramilirar e actúan en concellos de maioría social independentista, con vontade de intimidar a poboación”. Roubo de materiais reivindicativos da vía pública -bandeiras esteladas, pancartas, etcétera- ou ataques a monumentos, sedes de entidades ou casas particulares son as súas principais accións.

O organismo realiza un chamado ás vítimas das actividades da ultradereita ou de “calquera ataque contra os dereitos civís e políticos” a que os poñan en coñecemento dos xulgados e da propia Oficina de Drets Civils i Politics.

Nos tres primeiros meses de funcionamento, a Oficina tramitou “30 queixas, un 36,7% por incidentes da ultradereia, un 30,1% por vulneración dos dereitos de participación política, un 6,6% por vulneración de dereito ao honor e outro 6,6% por actuacións dos corpos e forzas de seguridade”.

comentarios