A inflación elévase até 160% en novembro na Arxentina

Nos próximos meses podería darse un empeoramento do nivel de inflación, como apuntan varios expertos e organismos.
O presidente arxentino, Javier Milei, na toma de posesión. (Foto: Nacho Sánchez / Télam)
photo_camera O presidente arxentino, Javier Milei, na toma de posesión. (Foto: Nacho Sánchez / Télam)

O Índice de Prezos ao Consumidor (IPC) da Arxentina continúa a súa tendencia á alza, rexistrando unha cifra de 160,9% interanual en novembro, máis de 18 puntos porcentuais por riba de outubro, acumulando xa dez meses sobre os tres díxitos. Ao mesmo tempo, a inflación mensual situouse en 12,8% o pasado mes.

Este é o nivel máis alto do último ano e supón recuperar os dous díxitos mensuais, de igual forma que acontecera en agosto e setembro —aínda que posteriormente, en outubro, caeu a 8,3%—. Igualmente, a inflación acumulada do ano atópase xa en 148,2%, segundo informou esta cuarta feira o Instituto Nacional de Estatística e Censos (Indec).

A división de saúde tivo o maior incremento mensual, de 15,9%, seguido do grupo de alimentos e bebidas non alcólicas (15,7%) e comunicación (15,2%, por riba do mes anterior, cando fora o maior incremento). Lecer e cultura tamén estivo por encima da media nacional, en 13,2%. Pola contra, as dúas divisións de menor variación en outubro foron vivenda, auga, electricidade, gas e outros combustíbeis (7,1%) e educación (8,3%).

O dato de inflación de novembro coñécese un día despois de que o novo Goberno de Arxentina, presidido por Javier Milei desde que asumiu o cargo o pasado domingo, anunciase un primeiro paquete de medidas para paliar a crise económica que atravesa o país. Aínda que o seu obxectivo é facer un axuste fiscal, nos próximos meses podería darse un empeoramento do nivel de inflación, como apuntan varios expertos e organismos.

Comentarios