Os incendios en Hawai convértense nos máis letais dos EUA en máis de 100 anos

Os incendios en Maui xa deixan 89 mortos e a cifra seguirá medrando.
Edificios calcinados polos incendios en Hawai (Foto: Kevin Fujii / Europa Press / Contacto).
photo_camera Edificios calcinados polos incendios en Hawai (Foto: Kevin Fujii / Europa Press / Contacto).

O número de vítimas mortais polos incendios forestais na illa hawaiana de Maui, pertencente aos Estados Unidos de América, elevouse a 89, e as persoas desaparecidas cóntanse por centos, segundo informou o Goberno local nunha nova actualización. Un total de 1.418 persoas están nos seis refuxios temporais habilitados para atender ás afectadas.

Desta forma, a vaga de incendios na illa hawaiana converteuse na máis letal dos Estados Unidos de Amércia nos últimos 100 anos, ao superar a mortalidade do incendio denominado 'Camp Fire' do ano 2018, que se produciu no norte do Estado de California e deixou 85 falecementos. 

O gobernador de Hawai, Josh Green, advertiu que a cifra de vítimas incrementaríase a medida que se prolongasen as operacións de procura e rescate, que se prevén longas debido á magnitude dos danos humanos, ambientais e materiais. "Rexistráronse 89 mortes. Vai seguir aumentando. Queremos preparar á xente para iso", sinalou Green, durante un percorrido por unha das zonas afectadas.

Na localidade de Lahaina, a máis poboada da illa de Maui, están a ser inspeccionadas as casas e os negocios damnificados. Equipos de recuperación especializados con cans rastrexadores de cadáveres percorren as áreas máis afectadas desta cidade histórica, que xa conta con 80% da súa superficie calcinada.

O acceso a Lahaina segue bloqueado e as autoridades recomendaron á poboación manterse lonxe dos lugares onde aínda perduran as chamas, debido aos perigos que representan as partículas tóxicas ao redor. Os bombeiros continúan traballando para extinguir os focos e conter os incendios, non só en Lahaina, senón tamén noutras áreas da illa como Pulehu/Kihei e Upcountry Maui.

Os potentes incendios forestais intensificáronse a comezos desta semana polo furacán Dora e polo momento, segundo o gobernador Green, xa se trata “do maior desastre natural na historia do Estado” desde que se incorporou aos EUA en 1959. Porén, en 1946, cando Hawai aínda non formaba parte dos Estados Unidos,un tsunami de grandes dimensións provocou 158 falecementos.

Críticas á xestión da traxedia

Respecto da xestión da traxedia, a congresista por Hawai do Partido Demócrata, Jill Tokuda, afirmou que se "subestimou a letalidade e a rapidez do lume" e non se planificou adecuadamente a pesar dos sinais de emerxencia.

Aínda que a rexión xa enfrontara unha traxedia similar tras un furacán en 2018, e de que se sabía que os ventos podían desatar incendios, a demócrata considerou que "non se aprendeu a lección”. "Temos que asegurarnos de facelo mellor", engadiu.

Comentarios