xoves 13/08/20

'Impeachment', un proceso 'sui generis' nos Estados Unidos

A Cámara de Representantes aprobou na cuarta feira, 18 de decembro, nunha histórica sesión, abrir un impeachment ou procedemento de destitución no Senado contra o presidente, Donald Trump. Mais en que consiste esta fórmula?
Trump, abandonaba a Casa Branca con destino a un tradicional mitin de Nadal, ao tempo que a Cámara de Representantes debatía e votaba o seu caso [Europa Press]
Trump, abandonaba a Casa Branca con destino a un tradicional mitin de Nadal, ao tempo que a Cámara de Representantes debatía e votaba o seu caso [Europa Press]

A palabra impeachment deriva do termo do francés antigo empeechier, que asemade vén da palabra latina impedīre (de pes, pedis), expresando a idea de coller alguén polos pés. De aí o noso “impedir” (ou o francés empêcher, ou o inglés impede).  

O impeachment é un procedemento excepcional previsto polo artigo II, sección 4, da constitución dos EUA. Utilízase, como no caso de Trump, cando se formula a destitución do presidente, do vicepresidente ou doutros altos cargos do Goberno, como os membros da xudicatura, por cargos de “traizón, corrupción ou outros delitos graves e faltas”.

En termos xudiciais, o que a Cámara de Representantes fixo foi imputar politicamente o presidente Trump. A pena, a súa destitución, é unha decisión que está só en mans do Senado. Primeiramente, o Cámara baixa redactou os cargos de acusación, resumidos en “abuso de poder” e “obstrución á investigación”, e foi na cuarta feira que os votou. 

EuropaPress_2554651_12_17_2019_-_Washington_District_of_Columbia_United_States_of_America_The_House_Committee_debates_H_Res_755_impeaching_President_of_the_United_States_Donald_Trump_for_high_crimes_and_misdemeanors_o

A primeira das acusacións aprobouse con 230 votos a favor e 197 en contra. Votaron a favor todos os representantes demócratas, agás os congresistas Jeff Van Drew, de Nova Jersey, e Collin Peterson, de Minnesota. O primeiro, que xa ten un acordo con Trump para se pasar ao Partido Republicano, sentou na Cámara canda os seus futuros compañeiros durante o debate. 

A segunda tivo un voto menos a favor (229). Aos congresistas por Nova Jersey e Minnesota uniuse a abstención da precandidata presidencial demócrata Tulsi Gabbard, que votou simplemente cun “presente”.

Inicio do proceso

O cargo de “abuso de poder” susténtase nas conversas que Trump mantivo co presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski. Todo se iniciou coa publicación por parte do Wall Street Journal dunha información en que se aseguraba que o presidente estadounidense presionara até en oito ocasións o recentemente elixido homólogo ucraíno. 

O obxectivo de Trump? Que axudase o seu avogado Rudolph Giuliani na apertura dunha investigación a Hunter Biden, o fillo menor do ex vicepresidente demócrata, Joe Biden, e posíbel adversario do actual mandatario na carreira á Casa Branca.

O 24 de setembro, coñecida a información filtrada por un confidente, a presidenta da Cámara de Representantes, a demócrata Nancy Pelosi, anunciaba a apertura dunha investigación de cara a un posíbel impeachment, que deu comezo o 13 de novembro coas audiencias das testemuñas.

O cargo de “obstrución ao Congreso” vén derivado do primeiro e baséase na negativa por parte do presidente estadounidense a colaborar coa Cámara, que non puido acceder a numerosos documentos nin a testemuñas clave.

Rematado o proceso de instrución, as e os representantes do Partido Demócrata chegaron á conclusión de que había “probas abafadoras” para imputar o presidente Trump. O 5 de decembro, Pelosi encargou á comisión xudicial redactar as acusacións ou artigos do impeachment. Tras ser aprobados a semana pasada por este comité parlamentario (23-17, demócratas-republicanos), finalmente, foron votados a pasada cuarta feira na Cámara de Representantes.

Xuízo no Senado

O xuízo contra Trump será no Senado ─con maioría republicana─, que exercerá de xurado. As e os senadores deben facer un xuramento, comprometéndose  a "impartir xustiza de forma imparcial" (o líder republicano nesta cámara, Mitch McConnell, xa avisou de que non o sería). 

O papel do presidente do Tribunal Supremo, John Roberts, equivale ao de xuíz, e a Cámara de Representantes ─as e os congresistas designados por Nancy Pelosi─ exercerá de instrutor e fiscal. 

Un equipo legal defenderá o presidente Trump. O conselleiro da Casa Branca Pat Cipollone dirixirá este equipo canda os avogados privados do magnate neoiorquino, segundo informan os medios estadounidenses. O procedemento do xuízo será estabelecido polo propio Senado, e os líderes dos dous partidos, McConnell, polo Republicano, e Chuck Schumer, polo Demócrata, levarán as negociacións. 

O vicepresidente do Goberno, Mike Pence, como presidente do Senado, será o encargado de convocar a votación sobre o impeachment. Para saír adiante, necesita dunha maioría de dous terzos das e dos senadores presentes na Cámara. Isto é, todas e todos os representantes demócratas e cando menos 20 dos republicanos (en total, 67 votos a favor). A composición actual do Senado é  de 53-47.

No improbábel caso de que isto suceda, o presidente sería destituído e Mike Pence asumiría o cargo até as próximas eleccións, previstas para o 3 de novembro, terza feira, de 2020.

19 impeachments na historia

bill_clinton

Segundo informa na súa web a Cámara de Representantes, 19 persoas foron procesadas politicamente na historia dos EUA. A primeira, William Blount, senador por Tennessee, en 1797, por conspirar co Reino Unido, e a última, Thomas Porteous, xuíz de distrito, en 2010, por corrupción.

Tamén, os presidentes Andrew Johnson (1868), por imcumprir unha lei que restrinxía o poder presidencial, e Bill Clinton (1999) por mentir diante do Gran Xurado ─ao negar que mantivese unha relación sexual coa bolseira Monica Lewinsky─ e por obstrución da xustiza. Ambos os dous foron absoltos.

comentarios